Ir a contenido
Gastos de envío desde 2,95€! 📦
Gastos de envío desde 2,95€! 📦

MURGUÍA 47 (XANEIRO-xuño 2023)

por VV.AA.
$14.34
ISBN 0460101202404

Un monográfico sobre “As mulleres na Galiza medieval”, reivindicando, como sempre fixemos, unha historia que poña o foco con normalidade nas mulleres como suxeito histórico e como obxecto de investigación nanosa práctica historiográfica, sen evitar a reflexión sobre os condicionantes dexénero na evolución histórica da sociedade.

Coordinar este monográfico obríganos a lembrar ás pioneiras nesta liña de traballo na Galiza para o medievo. Neste sentido, María del Carmen Pallares Méndez, ademais de ter sido a primeira catedrática de historia medieval do Estado español e das primeiras a nivel europeo, é unha figura referencial ao respecto. A ela debémoslle a primeira síntese xeral sobre a vida das mulleres na Galiza de 1100 a 1500 (1993), unha monografía sobre Ilduara Eriz na que analizou o importante papel das mulleres no seo da aristocracia altomedieval (1998); ou outros traballos fundamentais para entender a toma de conciencia e as resistencias femininas ante a violencia exercida polos homes contra elas durante o período medieval (1995), sendo tamén central á hora de impulsar, no seo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, os primeiros traballos interesados por clarificar a posición, o papel e o protagonismo das mulleres medievais galegas, seguindo moi de preto a historiografía francesa e, moi especialmente, os traballos de Georges Duby (quen, cómpre lembrar, chegou a ser nomeado Doutor Honoris Causa pola USC no ano 1992). O discipulado de María del Carmen Pallares Méndez e de Ermelindo Portela Silva figura entre as e os primeiros investigadores que no noso ámbito historiográfico cultivaron esta liña de investigación nos seus traballos académicos e publicacións. De tal xeito que Carlos Baliñas Pérez inaugurou estas publicacións cun artigo sobre a condición feminina e o poder público na Galiza altomedieval en 1988, aparecendo inmediatamente despois a primeira monografía da man de Marta González Vázquez sobre as mulleres medievais e o Camiño de Santiago (1989) ou os traballos de Clara Cristela Rodríguez Núñez sobre as relixiosas dos conventos mendicantes galegos (1989 e 1993). Son anos nos que tamén comezaron a aparecer as primeiras investigacións sobre as mulleres medievais desde a historia da arte e a historiada literatura grazas a investigadoras como Rocío Sánchez Ameijeiras, Marta Díaz Tie, Manuel Núñez Rodríguez, Mercedes Brea, Pilar Lorenzo ou, sobre todo, Esther Corral Díaz.

María del Carmen Pallares Méndez, ademais de ter sido a primeira catedrática de historia medieval do Estado español e das primeiras a nivel europeo, é unha figura referencial ao respecto. A ela debémoslle a primeira síntese xeral sobre a vida das mulleres na Galiza de 1100 a 1500 (1993), unha monografía sobre Ilduara Eriz na que analizou o importante papel das mulleres no seo da aristocracia altomedieval (1998); ou outros traballos fundamentais para entender a toma de conciencia e as resistencias femininas ante a violencia exercida polos homes contra elas durante o período medieval (1995)

A pesar de que ao longo dos anos 90 do século XX e durante as dúas primeiras décadas do século XXI continuaron a aparecer novas publicacións destas autoras e autores, así como doutros investigadores, que foron enriquecendo a historia das mulleres medievais galegas –xurdindo incluso iniciativas colectivas que deron lugar a monografías como a extensa Mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV). Estudios, biografías y documentos (2017), promovida desde o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia)–, cómpre recoñecer que, xunto a certa atonía xeral, aínda queda moito por facer tanto no que respecta a investigacións específicas, como no relativo á plena integración da historia das mulleres no discurso historiográfico xeral –sexa desde a perspectiva académica ou desde a divulgación.

Así, debemos lamentar que, a pesar dos esforzos por recuperar a historia do reino medieval de Galiza, en moitas destas iniciativas as mulleres ou non constan ou seguen aparecendo nun lugar secundario. Porén, como levamos reivindicando desde hai xa máis de dúas décadas, as fontes medievais galegas son o suficientemente expresivas como para poder afirmar que (…) as mulleres tiveron unha posición e un protagonismo sumamente notábeis no conxunto de relacións sociais, económicas, culturais, relixiosas e de poder que se documentan na Galiza medieval

Partindo destas consideracións, convidamos a un solvente conxunto de medievalistas a participar neste monográfico que, malia a súa concreción temática, mantén a estrutura habitual de Murguía, Revista Galega de Historia. Acreditamos en que o resultado final deste monográfico é unha boa mostra das diferentes liñas de traballo polas que se está a transitar na historiografía medieval galega e polas que debemos seguir transitando en investigacións futuras con especial sensibilidade de xénero, tanto para o medievo como para outros tempos históricos. E damos lugar a este monográfico cando conmemoramos no presente ano o centenario do falecemento de Manuel Martínez Murguía. A existencia de Murguía, Revista Galega de Historia dá fe do labor incansábel do Instituto Galego de Historia por manter viva a memoria do insigne historiador, primeiro presidente da Real Academia Galega e autor, entre moitas outras obras, dunha magna Historia de Galicia.

***

Na sección Fontes, recóllense tres contributos que teñen en común o feito de reivindicar a edición documental como camiño para recuperar realidades femininas, que van desde o ámbito monástico á participación das mulleres leigas en diferentes preitos. Víctor Rodríguez Muñiz edita varios documentos inéditos do mosteiro feminino de Santa María de Conxo (Santiago de Compostela), cos que se cubre a lagoa informativa que afectaba a esta institución durante os séculos medievais. Pola súa parte, Ricardo Pichel e mais Miguel García-Fernández recuperan tamén un pergamiño inédito do mosteiro bieito feminino de San Miguel de Bóveda (Ourense), cuxa edición vén acompañada dunha reflexión sobre a importante presenza e protagonismo das mulleres na documentación desta institución señorial. Pola súa parte, Rodrigo Pousa Diéguez edita uns documentos que poñen de manifesto as reivindicacións e disputas nas que participaron mulleres como a nobre dona Sancha de Lobeira, neste caso contra, nada máis e nada menos, o arcebispo de Santiago Alonso de Fonseca (II).

Pechamos esta sección cun manifesto, intitulado “En defensa da Idade Media”, que foi promovido durante a pandemia pola investigadora M.ªJesús Fuente Pérez, catedrática emérita de Historia Medieval na Universidad Carlos III de Madrid, e por outros investigadores e investigadoras que se uniron ao mesmo (incluídos integrantes de Murguía, Revista Galega de Historia) para reivindicar a necesidade de invocar e recuperar o Medievo, lonxe dos prexuízos negativos que aínda se lle atribúen na actualidade (difundidos moi especialmente desde os medios de comunicación). Na sección dedicada á Investigación, contamos con cinco estudos que permiten ver a plena integración e participación feminina no seo da sociedade medieval, atendendo a diversos aspectos e cronoloxías. Así, comezamos con Marcos Fernández Ferreiro que realiza unha interesante e novidosa achega sobre o status servil feminino na Galiza altomedieval, unha cronoloxía que tamén protagoniza o traballo de Abel Lorenzo-Rodríguez, quen se centra en estudar algúns casos de resistencias e denuncias das mulleres ante as violacións que sufrían neste período. Pola súa parte, Suso Vila estuda no seu traballo o caso dunha muller con nome propio na Galiza do século XIV, dona Maior Pérez. A partir deste estudo de caso, faise visíbel a activa participación feminina ao redor de dous dosprincipais núcleos urbanos galegos do momento como foron Santiago de Compostela e Pontevedra. Pola súa parte, Diana Pelaz Flores destaca outra figura feminina ás veces esquecida, dona Constanza de Castela; unha“raíña” que transitou polo reino de Galiza xunto ao seu marido, don Xoán de Gante, no marco das súas reivindicacións polo trono castelán como herdeira de Pedro I. Finalmente, M.ª Gloria de Antonio Rubio ofrece unha panorámica xeral sobre as mulleres xudías na Galiza medieval. Trátase dunha achega necesaria, pois é habitual esquecer a existencia desta minoría relixiosa no marco dun claro predominio das mulleres cristiás no seo da sociedade medieval galega.

Na sección dedicada á Investigación, contamos con cinco estudos que permiten ver a plena integración e participación feminina no seo da sociedade medieval, atendendo a diversos aspectos e cronoloxías

Nesta ocasión, a sección Lembranzas está dedicada á medievalista arxentina –con orixes familiares galegas– Reyna Pastor de Togneri, falecida o ano pasado. Trátase non só dunha das grandes referentes na recuperación da historia das mulleres medievais ibéricas, senón tamén dunha boa coñecedora da Galiza plenomedieval. Así o pon de manifesto a historiadora Ana Rodríguez López, quen foi, precisamente, unha estreita colaboradora de Reyna Pastor nos seus estudos das fontes e da sociedade medieval galega.

A sección Lembranzas está dedicada á medievalista arxentina –con orixes familiares galegas– Reyna Pastor de Togneri, falecida o ano pasado. Trátase non só dunha das grandes referentes na recuperación da historia das mulleres medievais ibéricas, senón tamén dunha boa coñecedora da Galiza plenomedieval

Na sección A Entrevista, Tania Vázquez García conversa coa xa citada filóloga Esther Corral Díaz, quen non só dedicou a súa tese de doutoramento ao estudo das mulleres nas cantigas galego-portuguesas, senón que tamén está a revitalizar esta liña de traballo nos últimos tempos dirixindo novos proxectos de investigación ao respecto.

Sendo conscientes da importancia dalgúns espazos actuais como depósitos da memoria das mulleres medievais galegas, Ricardo Pichel e mais Miguel García-Fernández dedícanlle unhas liñas, na sección MuseosArquivos, Bibliotecas e Lugares, ao mosteiro bieito feminino de San Paio de Antealtares, cuxa comunidade actual ten as súas orixes na reforma monástica de finais da Idade Media promovida polos Reis Católicos. Nelcustódiase un museo de arte sacro recentemente renovado e visitábel, e, sobre todo, o que posíbelmente é o principal “arquivo de arquivos (medievais)” para coñecer a realidade monástica feminina da Galiza medieval. Por outra parte, neste número non podiamos deixar de referenciar no apartado Lecturas algunhas obras relacionadas quer coa historia das mulleres medievais, quer coas realidades políticas e culturais da Galiza medieval. Sen dúbida son moitas as publicacións que están saíndo ao respecto nos últimos meses, polo que aquí só traemos unha pequena mostra, con obras de diferente natureza que consideramos que poden resultar de interese para as nosas lectoras e lectores. Neste sentido, agradecemos a Ismael Fariña Da Silva e a Brais Costas Fragueiro as súas reseñas bibliográficas.

Así mesmo, na sección A Rede, Carla Trincado Rodríguez, quen está a comezar a súa andaina investigadora apostando precisamente pola historia das mulleres, achéganos tres recursos grazas aos que poderemos descubrir diferentes realidades vinculadas ás mulleres medievais, tanto galegas como doutros territorios do Occidente. Agardamos, en definitiva, que este monográfico sirva para mostrar a riqueza do noso pasado medieval; un pasado que debe revisitarse tendo sempre presente que as mulleres formaron parte del e que o fixeron nonsó en silencio, ou recluídas nas súas casas, castelos ou celas monásticas, senón tamén ocupando un papel activo e protagonista no marco dunha sociedade moito máis rica, dinámica e diversa do que se adoita imaxinar.

 

Por último, Carla Trincado Rodríguez, quen está a comezar a súa andaina investigadora apostando precisamente pola historia das mulleres, achéganos tres recursos grazas aos que poderemos descubrir diferentes realidades vinculadas ás mulleres medievais, tanto galegas como doutros territorios do Occidente

____

Editorial: Instituto Galego Historia 01-2024
Idioma: Galego