Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

MARÍA VINYALS, A MULLER DO PORVIR. SETE VIDAS BAIXO A SOMBRA DUN CASTELO

€20,00
ISBN 9788416460700
Esta obra é o resultado dunha profunda e rigorosa investigación, con numeroso material inédito (documental, gráfico e de testemuñas orais), sobre a apaixonante historia vital de María Vinyals y Ferrés, nacida en 1875 no Castelo de Soutomaior (Pontevedra).

María Vinyals medrou no seo dunha familia acomodada, acumulou intensas experiencias e acabou converténdose nunha prolixa escritora, unha pioneira do feminismo e unha muller preocupada pola sociedade que a rodeaba. Na súa vida privada rebelaríase contra o desencanto dun matrimonio desgraciado. Co seu segundo marido –o médico cubano Enrique Lluria–, compartiría ideais políticos e sociais, e xuntos chegarían a fundar, en 1910, un gran sanatorio, no vello teatro do propio Castelo de Soutomaior. Fixaron aquí a súa residencia xunto aos seus cinco fillos; catro procedían de matrimonios precedentes. En 1917, afogados polas débedas e marxinados polos seus ideais políticos, María Vinyals e Enrique Lluria abandonarían para sempre o Castelo de Soutomaior. Foi entón cando os seus camiños, e os dos seus fillos Antonio, Enrique, Emilia, María Teresa y Roger, tomarían diferentes rumbos e nunca volverían a atoparse. O presente ensaio histórico (publicado en tres idiomas: galego, castelán e inglés) repasa estas sete vidas que medraron baixo a sombra dun castelo. Desde esta impresionante fortaleza medieval, que hoxe é patrimonio público, propiedade da Deputación de Pontevedra, Diego Piay viaxa máis alá dos seus límites e das súas ameas, máis alá de Pontevedra, Galicia… ou Europa. Esta historia xestouse tras as robustas murallas do castelo e agora, moitos anos despois, regresa ao lugar onde todo comezou. Diego Piay Augusto (Pontevedra, 1979) é licenciado en Historia coas especialidades de Arqueoloxía e Historia Antiga. É profesor de Historia Antiga na Universidade de Oviedo e traballa así mesmo como arqueólogo desde hai máis de vinte anos. Deste xeito, dirixiu intervencións ou participou en escavacións emblemáticas como Pompeia ou Piazza Armerina. É autor do libro Prisciliano. Vida y muerte de un disidente en el amanecer del Imperio Cristiano (2018), materia sobre a que, logo de máis de quince anos de investigación, se doutorou en 2016 na Universidade de Santiago de Compostela coa cualificación de sobresaínte cum laude e recibiu o premio especial de doutoramento. Da súa actividade como investigador dan conta ademais numerosos artigos publicados en revistas nacionais e internacionais, nos que as fontes arqueolóxicas tiveron sempre un papel protagonista. Nesta obra, María Vinyals, a muller do porvir, Diego Piay afástase das súas inquietudes históricas e científicas habituais para achegarlle ao público os resultados dunha profunda investigación que naceu ao abeiro do Proxecto de Musealización do Castelo de Soutomaior, promovido pola Deputación de Pontevedra, durante a cal se indagou sobre a historia da fortaleza e, en especial, dunha das súas propietarias máis ilustres, María Vinyals y Ferrés.
 


____

Editorial: Alvarellos
Idioma: Gallego