Ir a contenido
Gastos de envío para Galicia y España 4.45 €!
Gastos de envío 4.45€!

INTELIXENCIA E CREACIÓN. A OBRA PLÁSTICA DE FRANCISCO MIGUEL

€19,95
ISBN
Francisco Miguel (A Coruña, 1897- Bértoa, Carballo, 1936) foi unha figura central na arte galega das primeiras décadas do século XX. Detido tras o golpe de xullo de 1936, foi asasinado polos sublevados fascistas, aparecendo o seu corpo o 28 de setembro de 1936 en Bértoa (Carballo).
O seu traballo artístico foi realizado entre os anos finais da década dos 10 e o ano do seu asasinato. Nos primeiros anos vinte, ligado ao núcleo coruñés que dará orixe á revista Alfar, desenvolve unha linguaxe afín á modernidade que se espalla polas revistas ultraístas, interesado por captar o ritmo e o dinamismo, de influxo futurista, e polas tendencias formais planimétricas.
A partir da 1923, e da súa estadía en París, acentúanse os aspectos decorativos na súa obra e cunha tendencia cara a unha arte ligada á volta á orde, con debuxos de corte clasicista, frecuentemente coa súa esposa, a
escritora Syra Alonso, como modelo.
Syra e Francisco Miguel vivirán en México entre 1926 e 1933, moi achegados aos intelectuais mexicanos que realizan a revista Contemporáneos. Na obra destes anos vai situarse nos presupostos dunha figuración cun ar maxicista, de empregramos a terminoloxía do famoso libro de Franz Roh Realismo mágico, post expresionismo (1925), elaborando unha pintura “limpa, clara e rigorosa” -en palabras de Luís Seoane-, con vontade de reter e fixar o expresivo.
Esta publicación quere ser unha contribución á recuperación dun pintor demasiado brillante e intelixente -como dixera o seu amigo, o escritor mexicano Rodolfo Usigli- para sobrevivir aos escuros tempos que impuxeron en Galiza as hordas de Atila.

Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958) é historiador da arte e desenvolve o seu labor como ensaísta de temas artísticos e literarios e comisario de exposicións.

Entre os seus libros destacan Breve historia da arte galega (2005); Maruja Mallo, a pintura da nova muller (2010); Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane (2011); Un pintor que sabía o que facía. Achegas á obra pictórica de Luís Seoane (Laiovento, 2016); Identidade e universalidade. Lecturas de pintura galega (Laiovento, 2018) e Fronte da arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta (Laiovento, 2020).

No ámbito dos estudos literarios publicou traballos sobre Manuel Antonio, Vicente Risco, Lorenzo Varela, X. Mª Álvarez Blázquez e Ramón Cabanillas. Das súas publicacións en catálogos e comisariados destacan Diáspora. Dez artistas galegos no exilio latinoamericano; De Vigo a Bos Aires. Laxeiro e a arte galega de posguerra; Seoane. Razón e compromiso; Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950; Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos e Foi un home. Laxeiro en América.

Na actualidade desenvolve a crítica de arte no suplemento Faro da Cultura do Faro de Vigo e en Sermos, suplemento de Nós Diario.

____

Editorial: Laiovento 02-2026
Idioma: Galego
Páxinas: 104
ENSAIO
PATRIMONIO ARTÍSTICO