Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

GUÍA DEFINITIVA DOS ANFIBIOS E RÉPTILES DA GALIZA

€22,00
ISBN

A Guía definitiva dos anfibios da Galiza é unha obra de divulgación total, da que poden gozar tanto as crianzas coma os adultos, tanto os espíritos románticos como os sistemáticos.

O PORQUÉ DESTA GUÍA

Como resultado dunha insidiosa e teimuda campaña de difamación desenvolvida ao longo de séculos, os hérpetos veñen sendo, seguramente, o grupo de seres vivos máis desprezado pola humanidade. Que unhas criaturas tan marabillosas e extraordinarias nas súas feituras e maneiras de vivir (e que tanto ben lle fan ao planeta) sexan vilipendadas e perseguidas é unha inxustiza.

É por mor da terríbel inxustiza que se está a cometer cos hérpetos que a nosa guía é combativa. Quere trascender a súa condición de libro e adquirir unha natureza armamentística (no sentido máis metafórico posible do termo) como ferramenta contra a herpetofobia, ou sexa, contra o desprezo e a difamación dos anfibios e réptiles. Abaixo a herpetofobia!!

OS CONTIDOS DESTA GUÍA

O feixe de criaturas que aquí presentamos constitúe a meirande parte dos representantes do grupo dos hérpetos que adoitan vivir na Galiza, concretamente tratamos 14 especies de anfibios e 16 especies de réptiles. Ademáis de describir como son e os lugares onde viven, damos conta dalgúns cantares, poemas, contos e fantasías que eles protagonizan. A cada especie correspóndelle un poema e, como mínimo, un conto. Viva a herpetofilia!!

AS ORIXES DESTA GUÍA

As orixes desta guía son tres:

  • O poema de viaxes Ora Maritima composto no século IV por Rufo Festo Avieno, senador romano.

  • O ensaio Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza de Florentino López-Cuevillas e Fermín Bouza-Brey, publicado nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos en 1929.

  • O manuscrito anónimo Alén da Ofiolatría atopado entre as páxinas dunha Miscelánea publicada pola extinta Caixa de Aforros de Ourense e adicada a Florentino López-Cuevillas no centenario do seu nacemento.

Como é que estes tres ingredientes se deron mesturado para dar pé a unha guía de anfibios e réptiles non é doado de explicar nen sequera para nós.

Nacho Munilla e Pancho Lapeña comparten estirpe, modos de afrontar a vida e actitudes parellas fronte as marabillas da natureza, que eles adoitan ver nas cousas pequenas e minúsculas. O da estirpe compartida ven do feito de proceder ambos da unión dunha muller de Ourense cun home de Soria. Tan improbable circunstancia explica o nome que lle dan ao seu proxecto editorial conxunto: sorianourensana de libros.

Nacho é doutor en bioloxía amante do estudo e contemplación das paisaxes nas que os mamíferos viven. Pancho fai por combinar disciplinas aparentemente inmiscibles como a arte musivaria e a docencia da filosofía. Pancho é un agudísimo observador da natureza, Nacho deféndese mellor na elaboración teórica.

___

Editorial: Autores
Idioma: galego
Tapa dura, color.
Páxinas: 120