
Fume, publicada en 1867, é a penúltima novela de Turguénev, e talvez sexa a que mellor expón o seu ideario político, de tendencia moderada e europeísta. O protagonista é Grigori Mikháilovich Litvínov, un mozo ruso que, mentres agarda en Baden-Baden pola súa prometida, Tatiana, bate coa moza coa que estivo a punto de casar anos atrás, Irina, convertida nunha aristócrata sofisticada pero atrapada nun matrimonio sen amor.
Será ese reencontro cunha persoa do pasado o que faga avanzar a trama, con continuos conflitos internos dos personaxes. En paralelo, no escenario cosmopolita da cidade balnearia desenvólvense diferentes debates de índole social e política entre revolucionarios e conservadores, e pronúncianse disquisicións de ar nostálxico acerca do futuro e da identidade nacional.
Turguénev, que escribiu a novela precisamente en Baden-Baden, onde pasou oito anos, aproveita para expresar as súas opinións, en ocasións dende a sátira e o asañamento, a través do personaxe de Potuguin, un peculiar funcionario da corte. Non en van, a novela –en palabras do autor, «o único relevante e útil que escribín»– custoulle a amizade con Dostoievski, patriota radical. Tanto pola súa calidade coma pola sutil diagnose dunha sociedade en crise (velaí o choque cultural e político entre a Rusia tradicional e as influencias provenientes de Europa), a obra segue a considerarse un fito da literatura universal.
Iván Turguénev
Iván Serguéievich Turguénev naceu na cidade de Oriol en 1818, no seo dunha caste nobre. Era fillo
dun coronel da cabalaría imperial e dunha nai autoritaria que se ocupaba de administrar a facenda familiar. Formouse como filólogo, primeiro un ano na Universidade de Moscova e logo outros
tres máis na de San Petersburgo. A seguir, estudou Filosofía en Berlín, onde entraría en contacto
co idealismo alemán, de grande influxo na súa traxectoria, na medida en que contribuíu a forxar a súa querenza occidentalizadora.
Viviu gran parte da súa vida no estranxeiro, sobre todo en Baden-Baden e en París, onde fixo amizade con Gustave Flaubert, George Sand ou Émile Zola. A expatriación serviulle para se arredar das tensións políticas do seu país e consolidar a súa posición como un dos principais embaixadores da literatura rusa en Europa. No plano íntimo, malia que endexamais casou, mantivo un longo idilio con Pauline Viardot, soada mezzosoprano.
Como narrador, cabe destacar, amais desta peza, a compilación de relatos Zapiski okhótnika [Memorias dun cazador] (1852), Dvoriánskoie gnezdó [Niño de nobres] (1859), a novela curta Pérvaia liubov [Primeiro amor] (1860) e, sobre todo, Otsí i deti [Pais e fillos] (1862). Inscrita no realismo, a súa produción combina unha profunda análise psicolóxica dos personaxes coa crítica social; así mesmo, achega un retrato fidedigno de loita interxeracional e das fondas contradicións da Rusia do momento.
Instalado en Francia de forma permanente dende 1871, morrería en Bougival, preto de París, a comezos de setembro de 1883.
____
Editorial: Hugin e Munin 12-2024
Idioma: Galego
Páxinas: 256
GRANDES CLÁSICOS
AMOR