Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

FULIADA NA VILA (CON CD)

€20,00
ISBN 9788494951145

Este é o segundo traballo editado por aCentral Folque na colección ZECA. A través dun libro e un CD de nova creación, que se acompañan pero que contan con entidade propia, o autor propón unha viaxe aos mundos musicais e emocionais que conforman a súa traxectoria.

As gravacións que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth recolleu na casa de súa avoa Rosa son o punto de partida da aposta artística de Richi Casás. Sobre esta herdanza, o saxofonista edifica unha novidosa proposta musical na que conflúen varias culturas: das pandeiretas ás orquestras; dos ritmos latinos ao jazz. Ademais, no texto que guía a narración do libro, Richi Casás reflexiona acerca de diversos temas, como a función social da música de raíz ou o papel que deben xogar os arquivos que a conservan. Tamén sobre os valores do mundo rural, que o autor peneira, igual que fai coas músicas, para ofrecer unha proposta de futuro.

O libro: a metáfora do túnel

O libro de Fuliada na Vila está composto por unha narración de Richi Casás estruturada en dez capítulos, acompañada de imaxes de grande valor extraídas do arquivo familiar e de fotografías da autoría de profesionais como Eutropio Rodríguez ou Distrito Xermar. Ao longo do texto, o autor lévanos de viaxe polos campos de millo da Vila da Igrexa e as leiras de cemento da Agra do Orzán, por bares folkies e aulas de conservatorio, polas institucións que custodian os arquivos da música de transmisión oral e mesmo pola experiencia da emigración.

O paso baixo a vía do tren da Vila da Igrexa permítelle ao autor realizar unha metáfora sobre a cultura galega de tradición oral e o corte na súa transmisión, unha idea central no desenvolvemento do libro. Esta cesura dáse no tempo do que Richi Casás chama a xeración túnel, criada no franquismo e marcada polo éxodo rural. É á xeración post-túnel, da que el fai parte, á que corresponde a transmisión do lume, legado dos avós.

O CD e a banda de Fuliada na Vila

O disco de Fuliada na Vila componse de dez temas inéditos; algúns deles composicións orixinais de Richi Casás e outros arranxos do autor sobre as melodías recollidas por Dorothé Schubarth na Vila da Igrexa en 1980: xotas, muiñeiras, cantos de Nadal… O CD inclúe tamén seis destas gravacións, que nos permiten escoitar as pezas cantadas por Rosa e Adolfina, avoa e tía de Richi Casás, naquela xornada en Cerceda corenta anos atrás.

Xunto ao saxo alto, a voz e as percusións de Richi Casás, dez músicos compoñen a banda de Fuliada na Vila: Branca Villares, Carolina Vázquez e Pepa Yáñez á voz e pandeireta, Fran Gª Galán á guitarra, Carlos Santos ao baixo, José Ares “Panete” á batería, Javi “GDJazz” Pereiro á trompeta, José Luís Miranda ao trombón, Gueorgui Oganesian ao saxo tenor e Fran Barcia ao acordeón. Ademais, a gravación do disco conta coa voz de Belém Tajes en dous temas e co violín de Antía Ameixeiras nun deles.

____

Editorial: aCentralfolque 2020
Idioma: Galego