Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

FRANCESCO PETRARCA CANCIONEIRO, SEGUIDO DAS RIMAS DISPERSAS

€40,00
ISBN WP1865
Edición bilingüe de nobres características, a nova tradución do Cancioneiro de Petrarca feita por Darío Xohán Cabana, obra que recibiu unha axuda da Consellería de Cultura e Turismo, Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, na convocatoria de axudas para a tradución do ano 2011.

En 1989 o Servizo de Publicacións da Xunta de Galicia editou unha tradución miña do Cancioneiro de Petrarca. Esta que publico agora é totalmente nova. A tradución do 89, aínda que recibiu louvanzas de persoas cuxa opinión estimo moito, desgustoume bastante cando a volvín ler varios anos despois. Non é que me pareza –con toda inmodestia o digo– que non aguantase a comparanza con outras traducións a algunhas linguas próximas á nosa; pero así a todo, empezoume a semellar traballo de principiante –que tal era por certo– cando a poñía ó carón da versión d’A Divina Comedia que fixen nos anos posteriores. Así, fun emborranchando un exemplar con notas e correccións, coa idea de revisala por se acaso un día se volvía publicar. Esta posibilidade pareceu que se presentaba no ano 2000, e non foi máis ca unha ilusión; pero agora non me pesa, pois a falsa esperanza fíxome mergullar de cabeza no traballo.
Porque daquela, xa relendo máis detidamente, anoxei tanto que decidín non facer a revisión que imaxinara, e si emprender unha tradución completamente nova, que é esta, lector, que tes nas mans. Talvez os anos transcorridos me fixeran, se non máis sabio, si un pouco máis hábil; o certo é que ó comparar a versión do 1989 con esta –acabada nos primeiros meses do 2002, modificada aquí e acolá no tempo que despois tivo que pasar durmindo nun arquivo de ordenador, e volta a castigar de novo durante todo o ano anterior á súa publicación– paréceme estar vendo naquela un parruliño feo e espenuxado, e nesta un cisne, se non tan inmaculado coma os que imaxinaban os prerrafaelistas, si bastante presentable na sociedade das aves elegantes. Pero iso, amigo lector, es ti quen ten que xulgalo.

____