Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

FOLLIÑAS QUE LEVOU O TEMPO. CONTOS DA RIBEIRA SACRA

Agotado
€12,00
ISBN 9788492554669

 Aquí, en Parada de Sil, noutros tempos esvaecidos tiraban ó lixo a memoria dos antepasados. Agora bótanse en falta documentos gráficos e literarios que recollan o devir diario desta terra meiga, a xeito dunhas Folliñas que levara o tempo: os quefaceres dunha cultura milenaria, a piques de desaparecer –vai xuntando, Claudia, estas follas manuscritas–, melloraron as estradas e, mesmo, as pistas baixan zigzagueando á beira do encoro de Santo Estevo, a traída e saneamento da auga, apareceron as casas rurais, a pisa de castañas en Purdeus, as andainas polas carriozas e canellas, a residencia de maiores Luces do Sil, as xornadas gastronómicas, o xacemento arqueolóxico de San Vitor, a pasarela que serpea na orela do río Mao, o albergue na antiga Fábrica de luz, os restaurantes e mailos furanchos nas adegas, o catamarán asucando o río Sil. Certo, non é pouco.

Aínda queda moito por facer: dar a coñecer, e gardar para tempos vindeiros, a cultura integradora que valore o que é de noso, non só o mosteiro de Santa Cristina e mais a necrópole de San Vitor, tamén as formas de vida de antano: os costumes ancestrais, as lendas dos mouros, os feitizos menciñeiros das mulleres meigas e dos curandeiros, compoñedores de ósos; o valor engadido da natureza tanto da flora autóctona como da fauna, un regalo para os sentidos: o raposo, a bubela, a garduña, o gabián, os lagartos; os carballos, uces, acivros, morotes e estalotes; os ríos e mailos regatos coas fervenzas, onde se acicalaban as meigas no canle dos muíños vellos.

Unha terra encantada, quizais lixeira, con certeza minifundista, pero abofé toda ela con lentura suficiente, non só para facer medrar as patacas nas cortiñas da montaña ou elaborar o mellor viño de cepas vellas no cerengo de San Adrián: boon viño de Ourense loa nas súas Cantigas de Santa María o rei Sabio, hai que pór en valor o patrimonio inmaterial que é de noso: que tal niño, tal paxariño.

Disque estes lares, á beira do Sil, teñen un non sei que, quizais, un tesouro acochado dende os rituais dos druídas que recende un sentir máxico de arte e de poesía; unha terra con alma coroada de vivencias pasadas de onde abrollan doados contos e xorden misteriosas lendas, como A lenda do Pedome, maquinadas, unhas veces, polas meigas e mais outras polos mouros que moraron, dende os tempos de Almanzor, nas medorras e picoutos de acó e de acolá, nas dúas bandas do Sil.

____

Editorial: Deputación de Ourense

Idioma: Galego