Difúndese que Alberto Núñez Feijóo é unha persoa de centro dereita, reformista, liberal, dialogante, etc. Outros din que é un ultra disfrazado de moderado, que ten dúas caras. Falemos claro, Feijóo é un farsante: “hipócrita, mentireiro, troleiro, patrañeiro”, segundo o Dicionario Xerais de sinónimos.
Feijóo manifestaba: ”No tengo intención de pactar con Vox, y no lo haré, es un partido que está contra Galicia”. Hoxe é un valedor de pactos e gobernos de coalición con Vox e asume o discurso da extrema dereita.
Pode dicir unha cousa hoxe, mañá outra e ao día seguinte todo o contrario. En Ourense cualificaba como “letal” a posibilidade dun pacto con Gonzalo Pérez Jácome. Despois mantiña a Jácome como alcalde porque “garantiza la estabilidad”. Feijóo é un “marxista” (de Groucho Marx) convencido: “Estes son os meus principios. Se non lle gustan, teño outros”.
O libro pode ser útil para coñecer as “amizades perigosas” de Feijóo; que fixo como presidente da Xunta de Galiza en educación, sanidade, servizos sociais, medio ambiente ou desenvolvemento económico. Lectoras e lectores terán información para comprobar que Feijóo non ten nada de bo xestor e nada de moderado e que sería un pésimo Presidente do Goberno.
Existen outras biografías sobre Feijóo. Esta é unha biografía non autorizada, que ten pouco de literatura. É un libro de consulta, que pode ser útil para desmontar o discurso da dereita e ultradereita e conseguir que non gobernen nin en Galiza, nin no Estado, así de claro.
Manuel Monge González (Laguna de Duero-Valladolid, 1947) é mestre e sociólogo. Foi Vicepresidente da Asociación Veciñal de Monte Alto; concelleiro do BNG na Coruña de 2003 a 2007; presidente da CRMH da Coruña (2007-2011). Na actualidade é presidente de Defensa do Común.
É autor, entre outros, de: Autovías galegas. Crónica dunha farsa (1999); A Coruña de Paco Vázquez (2003); Outra Coruña é posíbel (2007); A historia secuestrada polo franquismo (2010); Perdemos o tren (2014); O «camarada Fraga» (2014); O poder na Coruña. De Vázquez a Negreira (2015); Indecencias e corruptelas (2015); Os Borbóns: unha monarquía escandalosa (2016); O perverso goberno de Feijóo (2016); Guía para non perderse en política (2018); Os restos do franquismo en Galiza (2020); 15 biografías secuestradas (2021); Una monarquía corrupta y heredera del franquismo (2021).
Editorial: Laionento 06-2023
Idioma: Galego