A novela Estebo, publicada por vez primeira na Coruña, en 1927, pola Biblioteca de Novelas Lar, da editorial Nós, é acontribución literaria máis importante de Xosé Lesta Meis. Estebo segue a ser unha obra fundamental para achegármonos ao contexto do mundo rural na época da masiva emigración a Cuba. Trátase dunha novela-documento que nos permite coñecer unha visión da emigración galega a Cuba no primeiro cuarto do século. Con este texto, esta temática é levada por vez primeira ao relato novelesco, aínda que no seu tempo estaba presente na poesía de Rosalía de Castro e, nomeadamente, na de Curros Enríquez.
A interpretación que Lesta Meis fai da emigración galega en Cuba está baseada en experiencias sentidas moitas delas en carne propia, polo que esa identificación entre o autor e Estebo —o personaxe protagonista— converte a materia literaria nunha evocación de elementos autobiográficos accionalizados
nos que a estética literaria obedece a unha compoñente emocional.
A novela Estebo emprega procedementos narrativos tradicionais próximos ao costumismo, cos que se refliicte nos dezaseis capítulos a vida diaria da aldea natal e da emigración a Cuba, con esa conmovedora descrición das penurias na estación de emigrantes de Triscornia, no alto do monte da Cabaña, nas aforas da Habana, a onde eran enviados ao chegaren os que non tiñan familiares, un contrato de traballo ou diñeiro.
A recepción de Estebo foi moi boa na súa época e mesmo antes de saír xa concitou o interese da prensa.
____
Editorial: Consello da Cultura Galega 09-2024
Idioma: Galego