Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

CONVERSAS DO PADRE BIEITO SANTOS. CURA OBREIRO

€12,00
ISBN 9788473370721

O Padre Bieito Santos, xesuíta activo en Vigo dende os anos 70, exerceu a súa misión como cura obreiro. Crego e sindicalista, trala marcha da Compañía da cidade, vive dende a súa xubilación na residencia parroquial da Guía, e aínda con 83 anos, segue oficiando misa. Silvestre Gómez e Francisco Domínguez recuperan a súa historia en formato entrevista na colección “Testemuños" da editorial Sept. 

“Foi un personaxe moi recoñecido polo seu traballo social e tamén polo seu labor de ministerio; o seu testemuño achega algo que lle dicir á xente, polo seu compromiso e entrega ao servizo dos demáis”. Silvestre Gómez coñeceu ao Padre Bieito en Xesuítas.

Os curas obreiros naceron á raíz da Segunda Guerra Mundial, foi un movemento que se desenvolveu en Francia e chegou a España. Nos 70, houbo un grupo afincado en Vigo, concretamente en Teis, no barrio das Flores. Había cregos traballadores de Álvarez, carteiros e tamén estaba Bieito Santos. “A nosa misión era transmitir a mensaxe de dignidade de toda persoa traballadora e de todo traballo; é unha filosofía de vida que se pon en acción”, afirma o cura obreiro nos seus testemuños. Na longa conversa quedan recollidas confesións como as primeiras dúbidas ante a vida relixiosa. “Non me gustaba a figura do sacerdote, era problemática diante da xente. Non me agradaba o cura que eu podía ver na parroquia, non digo que foxe mala persoa, pero era despótico no trato”.

Con estudos en filosofía e teoloxía, ordenouse presbítero nesta cidade en 1969 e asumíu o que el denomina “unha maneira de vivir o sacerdocio”. Así, despois de pasar pola mina e pola construción, entrou a traballar como peón en Ascón. Converteuse en delegado sindicalista con USO. “Paréceme moi positivo o que fixemos dende o sindicato, un labor formativo importante entre os traballadores para analizar a situación da empresa, a intención era a procura de solucións para todos”.

Estivo directamente implicado nas loitas dos traballadores durante a reconversión, acabando en prisión, episodio do que tamén fala abertamente. “Como consecuencia das mobilizacións pasei polo Tribunal de Orden Público, a policía púxose a mallar na xente e eu empecei a berrar, a protestar e tamén me detiveron; non tiñan constancia de que fixera nada delitivo, para mín non pasou dun susto, pero daquela houbo moita xente que o pasou moi mal”.

Cando Ascon reabre en outubro de 1978, despois de case 8 meses pechados, pon como condición o despedimento dos sindicalistas, o Padre Bieito foi un dos sinalados. “O conflicto foi longo e tivo moito eco, así que os obreiros que saímos marcados por ese proceso dificilmente íamos ter a oportunidade de sermos contratados. Pero a cooperativa abríu outras perspectivas”.

Deste xeito pechou un capítulo dunha vida apaixoante, vencellada á cidade e as súas demandas laborais.  Despois de militar activamente en USO, o sindicato moi achegado aos movementos sociais da Igrexa, mantivo o súa entrega como representante dos traballadores, pero coa CIG. Tras ingresar no Sergas, xubilouse como enfermeiro do Meixoeiro.

BIEITO SANTOS é un xesuíta que naceu polo 1939 en Corvillón, preto de Cambados.

Os 18 anos éntralle a vena da vocación e vaise estudiar cos xesuítas a Salamanca, onde fai Filosofía e Teoloxía, e non volve a Galicia ata os 30 anos.

 Doce anos fora de Galicia (1957-1970), pero lonxe da Terra, como tantos outros, esperta á realidade galega que vivira nos seus primeiros anos. Os seus pais eran labregos e o seu ambiente galego-falante, polo que chega ó seu primeiros Colexio, en A Garda, sen saber o castelán. Lonxe da Terra foi remoendo a súa realidade galega e afondando no ser galego, acadando pouco a pouco unha identidade galeguista. "Eu quería ser un crego achegado ó pobo, mesmo un cura obreiro"; a súa Tesina de Licenciatura vai ser precisamente sobre os Dereitos Humanos, colaborou en colexios obreiros e en barrios, traballo manual (ata de mineiro), vida comunitaria en pisos, ... relación con outros curas obreiros. En Madrid tivo problemas co TOP por participar en manifestacións e peches, particularmente un 1º de Maio. Non sería a única ocasión en que foi detido pola policía; en Vigo foi vixiado pola policía polas súas homilías e polo seu traballo de líder obreiro e sindical.
     Non era esa a realidade habitual da Compañía de Xesús, que atendía máis ben ás clases privilexiadas cos seus colexios, cousa da que logo se decata en canto volve a Galicia, para poñerse a traballar. Busca o sector popular cos seus compañeiros (Fernando Bandeira e Alfonso Fondado), comprometéndose no traballo obreiro en barrios populares.

"As dúas rodas do noso carro eran a presencia no mundo obreiro co traballo manual, pero tamén unha acción pastoral o máis intensa posible nunha parroquia de barrio, que lle dera identidade a esa presencia".
     Diversos traballos, militancia sindical e política... De seguida veu o achegamento á máis importante organización católica no mundo obreiro, a HOAC (Irmandade Obreira de Acción Católica), que xa coñecera en Madrid nos anos da crise dos movementos (1966-68). A HOAC, organización fondamente comprometida desde os seus comezos co mundo obreiro, asumindo claramente as súas loitas, foi tamén achegándose progresivamente ó galego, aínda que moitos dos seus compoñentes viñan de fora. A influencia externa do mundo no que se move foina levando cara a claras posturas galeguistas. De feito, moitos dos seus militantes están comprometidos sindical e politicamente co nacionalismo (95).
     En Vigo Benito Santos vai estar na punta do galeguismo na Igrexa colaborando co P. Seixas e na parroquia dos xesuítas, S. Francisco Xabier, no barrio de Teis. Como traballador (repartidor, electricista, traballador nos estaleiros vigueses, ...e finalmente na sanidade, desde a crise do sector naval) e sindicalista (primeiro en USO e logo na CXTG e finalmente na CIG), estivo no ollo do furacán das loitas obreiras (as loitas de ASCON, a súa empresa; foi dos primeiros despedidos e buscou un traballo autónomo con eses compañeiros). Aparte dalgúns xesuítas, había varios paúles e outros curas seculares no traballo en fábricas, xunto con algunhas relixiosas. Benito valora ese traballo como algo "moi gratificante", polo achegamento que supuxo á realidade obreira, pero moi conflictivo, pola falla de asistencia das súas correspondentes institucións. Hoxe quedan moi poucos.
A fe cristiá e galeguista de Benito Santos queda ben manifesta nestas palabras súas:

"Cristianismo e galeguismo son dúas realidades vencelladas para min dun xeito fundamental. A fe cristiá enriquécese e enriquece toda cultura, pois a súa dinámica interna é a inculturación, a sumir cada unha das culturas insuflándolles o seu elemento liberador.
Ser de Galicia é participar da raíz dun pobo: somos este pobo concreto, o galego, nin mellores nin peores que outros, pero coa nosa propia cultura e maneira de ser. Se non se asume iso estase de espaldas á realidade. Sempre me sentín chamado a ese compromiso co pobo galego, e a ser tamén factor de cambio, para que ese pobo fora tomando máis conciencia do seu propio ser, que non teña que ocultar o que é.
O fundamental do cristianismo é a idea de liberación, irnos construíndo como un home novo, libre, á imaxe de Xesús. E iso tamén ten que operar a nivel cultural, deixándonos configurar polo noso propio idioma nacional, conscientes de que formamos parte dun estado plurinacional".

____

Editorial: Sept  05-2024
Idioma: Galego