Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

ASASINATOS S.L.

€16,00
ISBN 9788412807585

Asasinatos, S. L. é unha obra peculiar xa dende a súa xestación, pois Jack London mercoulle a idea ao tamén novelista Sinclair Lewis a comezos da década de 1910. Con todo, a morte de London deixou o proxecto inacabado, e non sería até moitos anos despois cando a familia do escritor lle encargase a conclusión a Robert L. Fish a partir das notas conservadas. Ao cabo, a novela publicouse en 1963.

O protagonista, Ivan Dragomiloff, é o fundador e líder dunha axencia secreta que ofrece servizos de asasinato, coa particularidade de que só extermina individuos considerados nocivos para a sociedade. A organización enfróntase a un caso insólito cando recibe a encarga de acometer o asasinato do seu propio
xefe, unha circunstancia que pon en xaque os seus estritos principios éticos. O empeño en demostrar que o rigor que rexe as actuacións da axencia é sempre inquebrantable dará pé a un arriscado xogo de estratexias e lealdades, así como a unha intrépida aventura de consecuencias inesperadas.

A través dunha intriga cargada de suspense, Asasinatos, S. L. non só atrapa pola tensión narrativa, senón que convida á reflexión dende unha perspectiva filosófica, ao afondar na contradición entre os ideais e a realidade e explorar o delicado tema da xustificación da violencia en nome dunha suposta xustiza. Así mesmo, por estar ligada a unha sociedade contemporánea capitalista, a novela ten plena vixencia e achega unha crítica mordaz ás estruturas de poder.

Jack London

Jack Griffith Chaney naceu en San Francisco en 1876. Fillo ilexítimo de Flora Wellman, espiritista e profesora de música ocasional, e de William Chaney, astrólogo, tomou non obstante o apelido do seu padrasto, John London, un veterano da guerra de Secesión, viúvo e con dúas fillas, que se ocupou da súa crianza e influíu de maneira notable no seu sistema de valores e na súa relación coa natureza. A pobreza dos primeiros anos obrigaría o futuro escritor –que chegou a vivir na indixencia– a alternar os estudos con diversos traballos: xornaleiro, mariñeiro ou buscador de ouro en Yukón, no noroeste do Canadá.

A experiencia nos territorios do norte inspirou as súas primeiras obras, é dicir, libros tan memorables como A chamada da selva (1903) ou Cairo branco (1906). A súa narrativa combina, polo demais, a loita pola supervivencia co conflito entre home e natureza e mais coa crítica á desigualdade. Alén das novelas de aventuras, explorou temas sociais como o autoritarismo en O talón de ferro (1908) ou a formación artística e o individualismo en Martin Eden (1909).

Na súa breve e intensa vida, London experimentou tanto o éxito literario coma as dificultades financeiras e os problemas de saúde. Malia ser un dos autores mellor pagos do seu tempo, un estilo
de vida luxoso e as tensións persoais agravarían o seu deterioro físico e emocional. Con serios pro-
blemas renais, morreu en 1916 na súa granxa da pequena localidade californiana de Glen Ellen;
non está claro se dunha uremia ou se dunha sobredose accidental de medicamentos. Sexa como
for, o seu inmenso legado literario segue a influír en escritores de todo o mundo.

____

Editorial: Hugin e Munin 12-2024
Idioma: Galego
Páxinas: 220
GRANDES CLÁSICOS
NOVELA NEGRA