Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

AREAQUENTE

por An Alfaya
€12,00
ISBN 9748478245796

«Areaquente é un anaco de mundos pequenos que están na miña cabeza»

-Areaquente é un lugar imaxinado. ¿É complicado crear un espazo literario?

-Si, de feito, Areaquente é unha personaxe espacial. É a creación e recreación dun espazo físico onde as personaxes físicas vanse desenvolvendo e iso si que é un espazo imaxinario que eu non sei exactamente onde está. Partindo da nada, ti recreas e reinventas ese espazo ideal para que os teus personaxes se movan. É o que necesitou a novela. O que quixen contar está aí, partindo dos elementos que eu necesitaba. Preferín inventar un espazo novo, no senso de que non existe na realidade, pero que posiblemente estea en calquera sitio. Ata houbo persoas que o identificaron con lugares concretos. Non será a aldea de fulaniño, dicían, e eu dígolles que seguramente non porque eses lugares non os coñezo. Por iso deduzo que será un anaquiño de mundos pequenos que están na miña cabeza.

-Porque é unha novela moi simbólica.

-É unha novela metafórica, simbólica e realista, pero que ten moitos elementos de mestura de presente-pasado-futuro; hai personaxes que deixo no aire para que o lector dubide se están vivos ou mortos. Todo nos traslada a unha realidade un tanto irreal, pero iso tamén é un xogo paraliterario que establece o escritor co lector. Tamén utilizo unha clave de realismo poético, ten algo de realismo máxico.

-E tamén presenta unha visión onírica.

-Si, pero tamén realista. Se o personaxe do fotógrafo é moi real, todos os personaxes corais teñen un mundo que transcende a realidade, hai unha especie de xogo vida-morte que traspasa ao que é real. Hai situacións que chegan a ser conversas entre vivos e mortos, e un ten que entrar no xogo para entender o que está pasando. Son seres físicos que veñen do máis alá para conversar cos vivos.

-¿Inspirouse dalgún xeito en «Pedro Páramo», de Rulfo, ou «O estranxeiro», de Camus?

-Supoño que serían lecturas que tería que ter lido, pero Pedro Páramo non o lera. Lino despois. Curiosamente a miña novela antes de Areaquente íase chamar O páramo , pero alguén recordoume o título de Rulfo. Non lin esa novela ata que rematei a miña. Estou máis influenciada polas lecturas da miña adolescencia e mocidade, como García Márquez; gústame moito o realismo máxico da primeira época, e aínda que non teña moito que ver, hai como unha especie de atmosfera aí de fondo que ten algo dese imaxinario mundo. A Camus, si o lin pero hai moito tempo e, se está, o seu influxo procede do subconsciente.

An Alfaya (Vigo, 1964) ten unha obra literaria extensa dirixida tanto aos lectores e lectoras infanto-xuvenís como ás persoas adultas. Publicou as novelas A recortada (Xerais, 1999); Desventura (2003); Matei un home (2005), áccesit do Premio Novela por entregas La Voz de Galicia 2003; A sombra descalza (Xerais, 2006), Premio Lazarillo 2005, Premio Xosé Neira Vilas 2006 ao mellor libro infantil e xuvenil, Premio White Ravens 2007 e Lista de Honra IBBY 2008; Illa Soidade (Xerais, 2007), Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2007 e Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Xuvenil 2007; Areaquente (2009) Premio Lueiro Rey 2009 e Premio San Clemente 2010; Vía secundaria (Xerais, 2011), Premio Novela por entregas La Voz de Galicia 2010 e Muros de aire (Xerais, 2015). Dentro da súa obra dirixida ao público infantil Xerais publicou a obra teatral O maquinista Antón (1995, 2009) e os libros narrativos O caderno azul (1996), ¡Sireno, Sireno! (Premio Merlín 1997), A buguina namorada (2003), A encontadora (2003), O aroma do liquidámbar (2012) e O fío vermello (2014).

____

Editorial: Sotelo Blanco 2009
Idioma: galego
Páxinas: 190
GUERRA MUNDIAL
NARRATIVA