ANDRÉS MARTÍNEZ SALAZAR: APROXIMACIÓN BIO-BIBLIOGRÁFICA
Andrés Martínez Salazar naceu en Astorga o 8 febreiro de 1846. O seu casamento con Petra Suevos e o seu destino como funcionario do Corpo Facultativo de Arquiveiros no Arquivo do Reino de Galicia, do que chegou a ser director, levárono a aveciñarse na cidade da Coruña.
Neste centro coincidiu co que veu ser o seu grande amigo, Manuel Murguía, a quen tivo por xefe e quen debeu influír na súa adscrición política ao rexionalismo. Malia isto, mantivo sempre unha grande independencia de criterio, afastado das teorías celtistas, nas súas investigacións históricas e literarias sobre o pasado de Galicia, sempre baseadas na fidelidade ao documento e no rigor histórico.
Como libreiro e como editor da Biblioteca Gallega e de Galicia. Revista Regional, colaborou na renovación do panorama cultural do momento. A súa obra como autor atópase dispersa en multitude de periódicos e revistas de carácter tanto divulgativo coma científico, e acada os máis de douscentos artigos. Ademais, foi autor ou editor de libros de ampla repercusión, como a Crónica Troyana, os dedicados a Mayor Fernández da Cámara Pita ou aos guerrilleiros galegos do século XIX.
Foi tamén presidente da Real Academia Galega, tras o pasamento de Murguía, membro de número ou de honra de múltiples asociacións de carácter científico e cultural, e cronista da Coruña, cargo que máis o compraceu. Nesta cidade finou o 6 de outubro de 1923, hai agora cen anos.
___
Editorial: RAG 01-2024Idioma: Galego