Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

ABELLÓN

€20,00
ISBN 9788494951190
Este libro é un ensaio de divulgación sobre o mito das abellas dentro das prácticas populares galegas asociadas coa morte e a súa relación con instrumentos universais como as zoadeiras ou bramadeiras. Achega ideas e referencias arredor do mundo apícola, os rituais de tránsito ou o son como fenómeno acústico e social en moitas culturas e momentos históricos.  

A partir dunha cita de Alfredo Brañas sobre “a danza do abellón” nun velorio galego a finais do século XIX, o texto prende na curiosidade da persoa lectora para convidala a unha reflexión aberta, aparentemente non conectada, do mundo biolóxico -abellas e insectos-co artístico -acústica e paisaxe sonora-e co social -o ritual da morte. A segunda parte do libro é unha guía ilustrada de construción de zoadeiras para todos os públicos con modelos tradicionais e contemporáneos. Se tes interese pola arte sonora, a antropoloxía, a etnomusicoloxía, a artesanía DIY, a pedagoxía, os brinquedos sonoros ou os libros antigos, esta é a túa publicación. Abellón. O libro negro das zoadeiras é unha publicación do investigador e antropólogo Xoán-Xil López. O traballo consta dunha investigación centrada na importancia cultural e simbólica das abellas e dunha guía de artesanía DIY —do inglés DIYourselfé dicir, faino ti mesmo para a montaxe de zoadeiras, brinquedos musicais tradicionais que imitan o zunido dos insectos e que foron utilizados tanto en contextos rituais como lúdicos e festivos. Abellón é un proxecto artístico e educativo que convida a unha reflexión vinculando tres mundos aparentemente non conectados: o biolóxico, a partir da figura das abellas; o social, desde os rituais de tránsito e morte e o sentido de comunidade; e o artístico, centrado na acústica, nas paisaxes sonoras e no audiovisual. O proxecto, itinerante por diversas localidades da provincia da Coruña grazas ao apoio da Deputación da Coruña a través do seu programa de Proxectos singulares de especial interese cultural, estrutúrase en tres eixos principais.

Abellón ensina: os obradoiros

Abellón propón a realización de cursos de aprendizaxe activa na construción de zoadeiras e outros xoguetes sonoros que se realizarán en centros educativos da provincia da Coruña. Ademais de construír zoadeiras, que cada persoa poderá levar consigo ao remate do curso, os asistentes participarán dunha performance colectiva. Os obradoiros, abertos a chegar a espazos alén do ámbito educativo, serán impartidos polo músico e docente Mauro Sanín, tamén coñecido polo seu nome artístico Ariel Ninas.

Abellón divulga: vídeo-arte

Abellón tamén son creacións audiovisuais artísticas arredor das zoadeiras e do mundo das abellas, que animan á reflexión sobre a vida dos insectos, a apicultura, a arte e a memoria colectiva, e sobre a importancia de todos estes elementos para a cohesión social das comunidades. Berio Molina, creador audiovisual e artista sonoro, é a persoa encargada da realización destas pezas, que estarán dispoñibles na canle de YouTube de aCentral Folque. Podes ver os vídeos aqui

A inspiración: a danza do abellón

Como gallego enxebre agora falo,/e xuro, qu’antes morra ô pê d’un valo/ que volver outra noite á un avellon” de Alfredo Brañas, “O Avellón” No seu poema “O Avellón” (1884), Alfredo Brañas retrata a danza do abellón, rito funerario común nos velorios que levaba aos asistentes a zumbar, é dicir, a reproducir o zunido das abellas, mentres daban voltas arredor da persoa defunta. A asociación das abellas coa alma e os ritos funerarios está moi presente en diferentes culturas universais dende a Antigüidade; tamén a través do uso de instrumentos de membrana libre como as zoadeiras, que non son especificamente galegos e que están asociados a contextos e usos diversos. Segundo o etnomusicólogo alemán Marius Schneider, o zumbido deste tipo de instrumentos é o método escollido por algúns pobos para imitar as abellas nas celebracións rituais; porén, no seu traballo de campo en Galiza (1964-1968), o investigador danés Gustav Henningsen sitúa este tipo de brinquedos nun ámbito máis ben lúdico.

As zoadeiras

Normalmente recoñecidas como xoguete infantil para crear son, as zoadeiras foron clasificadas polos musicólogos Sachs e Hornbostel como instrumentos aerófonos libres. O seu son é continuo, con pequenas modulacións en función da velocidade e os xestos do intérprete. Aínda que existen moitas versións deste instrumento, a máis sinxela consta dunha lámina de madeira atada por un extremo a unha corda. Cando a facemos xirar a certa velocidade produce unha vibración no ar. Na ilustración da dereita, recollida no libro, figuran os elementos precisos para a construción dunha zoadeira simple.

A ollada contemporánea

Abellón é un proxecto único e pioneiro na súa temática e enfoque, pois non existen outras accións académicas, escénicas e pedagóxicas que reúnan os tres universos antes mencionados o biolóxico, o social e o artístico e os aborden desde a investigación, o ensino e a creación. Abellón atende á preservación dun acervo cultural galego adormecido, o da artesanía de brinquedos sonoros, fomentando a educación, a dinamización social, a programación cultural e a participación interxeracional con criterios inclusivos. Por outro lado, aposta polo estudo formal deste fenómeno como naifestación artística tradicional, susceptible de ser practicada espontáneamente ou levada ao espazo escénico sen menoscabo da súa forma e contido. Abellón propón así a recuperación dunha serie de prácticas culturais xa perdidas, agora actualizadas e reinterpretadas desde un ollar contemporáneo. Trátase dun enfoque vangardista, próximo ao da música contemporánea e a arte sonora, axeitado aos tempos e sen rastro de arcaicismo ou folclorismo.

____

Editorial: aCentralfolque
Idioma: Gallego