Ir a contenido
Gastos de envío para Galicia y España 4.45 €!
Gastos de envío 4.45€!

A TOLEMIA

€15,00
ISBN 9791399015041

A tolemia é unha novela realista de 1899 que, baseada nun feito real, a tráxica morte dun cliente de Oller, garda relación directa coas concepcións políticas e sociais que se derivan da revolución de setembro de 1868.

O narrador, que tamén é un personaxe desta historia, segue ao longo dos anos a vida de Daniel Serrallonga, unha estrambótica figura marcada polas súas veleidades políticas. Individuo teimudo, obsesiónase co xeneral Prim, un feito a raíz do cal chega a ser deputado nas Cortes de Madrid e mesmo trata de vingar o asasinato do militar. De maneira descontinua e fragmentaria, e a través de diferentes puntos de vista, exponse a progresiva
caída na loucura de Serrallonga, para asombro daqueles que o tratan, coma o avogado Armengol ou o médico Giberga, con opinións contrapostas ao respecto de tan arroutado personaxe. O retrato mestura humor, sarcasmo, linguaxe coloquial e doses de melodrama, acollendo así mesmo as teorías psicolóxicas en voga na época ao redor da tolemia, e incluso o determinismo practicado por Zola.

Ambientada en Barcelona e en Vilaniu –espazo que traslada á ficción a vila natal do autor–, nun arco temporal que abrangue dende 1867 até 1883, trátase dun relato naturalista que afonda no estigma da tolemia para acabar por cuestionalo, de aí o seu valor.

 

Narcís Oller naceu en Valls, na comarca tarraconense do Alt Camp, en 1846. Tras quedar orfo de pai con só dous anos, críase ao abeiro da familia materna, nun ambiente ilustrado. Máis tarde, trasládase a Barcelona para cursar os estudos universitarios e licénciase en dereito en 1871.

Por mor do seu traballo como procurador nos tribunais, levou unha vida de «simple burócrata» –como el mesmo a definiu–. Mantivo un sólido vínculo político co catalanismo de corte conservador, acaso animado polas efemérides da súa carreira literaria, que dende 1877 desenvolveu en exclusiva en lingua catalá, sempre co foco posto nas tendencias literarias europeas á moda. Así, considérase o introdutor nas letras catalás da corrente realista e naturalista, e o primeiro gran narrador da Renaixença.

Entre as súas obras máis salientables cóntanse La papallona (1882), o denominado ciclo de Vilaniu –composto por Vilaniu (1885), La febre d’or (1890-1892) e A tolemia (1899)– e Pilar Prim (1906), novela que rompe coa etapa artística previa para abrazar a estética modernista. Cultivou así mesmo a tradución literaria; neste eido, verteu dende o francés textos de Flaubert, Daudet, Victor Hugo, Dumas fillo ou Zola.

Figura clave da literatura catalá, soubo captar con mestría o ambiente de transición dunha Cataluña rural e tradicional cara a unha sociedade urbana e industrial, convulsa xa que logo tanto social coma culturalmente.

Morreu en Barcelona en 1930.

____

Editorial: Hugin e Munin 10-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 124
NARRATIVA
SÁTIRA SOCIAL
LITERATURA CATALANA