
A muller do mediodía obtivo o premio a mellor libro en lingua alemá en 2007.
Sinopse O inicio d’A Muller do Mediodía transcorre na cidade alemá de Stettin, ás beiras do río Oder, en 1945. O exército ruso acaba de conquistar a cidade, e os seus soldados entran nas casas para saquear e violar. Unha daquelas mulleres violadas, acompañada polo seu fillo de sete anos, sobe a un tren. Na estación na que fan transbordo, a muller abandona ao seu fillo. O que segue é a narración da vida daquela muller entre 1910 e 1945. Julia Franck non limita o desenvolvemento da novela ao propósito de comprender a vida dunha muller xudía que transcorre na Alemaña das dúas guerras mundiais e mais da ditadura hitleriana. A novela despraza a un segundo plano uns feitos históricos e unhas circunstancias persoais, que por si mesmos abondarían para reducir ao absurdo calquera vida, para así volver aínda máis visible aqueloutro absurdo ao que de antemán está condenada unha vida dende o momento en que se trata da vida dunha muller.
Acabada a segunda guerra mundial, cando por fin cabe pensar nun futuro mellor, Helene abandona ao seu fillo de sete anos na plataforma dunha estación de tren. Para entender as circunstancias que puideron levala a cometer algo así, é necesario retrotraerse á infancia de Helene, cando vivía coa súa irmá Martha e os seus pais en Bautzen; ao penoso retorno do pai da primeira guerra mundial; á tolemia que vai apropiándose da súa nai, que é xudía; á liberación que senten cando, falecido o pai, as dúas irmás trasládanse a casa da súa adiñeirada tía Fanny, que vive en Berlín, e a como esta as introduce na bohemia dos dourados anos vinte. Pero en Berlín a vida non resulta fácil, e mentres Martha vese inmersa nunha espiral de excesos da que non pode saír, Helene vive unha dramática historia de amor, coa crecente ameaza nacionalsocialista de fondo.
Julia Franck (Berlín Oriental, 20 de febreiro de 1970) novelista alemá gañadora do Deutscher Buchpreis de 2007. En 1978, a súa familia escapou a Berlín Occidental e máis tarde a Schleswig-Holstein. Estudou filoloxía alemá e estudos americanos na Universidade Libre de Berlín e viviu en Estados Unidos, México e Guatemala. Traballou como editora do Sender Freies Berlin e escrito para varias publicacións. É neta da escultora Ingeborg Hunzinger. A súa novela A muller do mediodía obtivo o premio a mellor libro en lingua alemá en 2007.
____
Editorial: Sotelo Blanco 2009
Idioma: galego
Páxinas: 460
GUERRA MUNDIAL
NARRATIVA