É inverno en Västerby, unha pequena localidade na costa do mar de Botnia. A neve acugúlase e a vida parece suspendida. Anna Aemelin, afamada ilustradora de libros infantís, vive illada do mundo nunha ampla e solitaria casa de campo que outrora foi dos pais. Pero a súa vida cambia coa chegada de Katri Kling, unha moza seria, intelixente e implacable que se fai acompañar dun impoñente pastor alemán, mira polo seu irmán Mats, dez anos máis novo, desconfía da xente e rexeita sen vacilar calquera asomo de cortesía.
A relación entre as dúas mulleres dará pé a un xogo sutil no que non sempre queda claro onde acaba a axuda e principia o interese. Non obstante, estes equilibrios de poder (non só entre elas, tamén entre a veciñanza, con personaxes ben perfilados, tales como a señora Sundblom, o tendeiro ou Edvard Liljeberg) son só unha parte do todo, pois tanta ou máis forza ten na novela a prosa envolvente e sen artificios da que se serve Jansson para construír a que probablemente sexa a súa obra máis ambigua, con algunhas verdades incómodas.
Publicada orixinalmente en 1982, esta novela de marcado cariz psicolóxico explora, polo tanto, non só a cuestión de honradez, senón tamén temas de calado como a construción da identidade, a relevancia do diñeiro ou a necesidade de compañía.
Tove Jansson
Naceu en Helsinqui en 1914 no seo dunha familia de artistas: o pai era escultor, e a nai, artista gráfica. Medrou nun ambiente creativo e cosmopolita, marcado pola dobre identidade sueco-finesa (pertencían á minoría suecófona do país). Formouse en artes, primeiro en Estocolmo, logo en Helsinqui e por último en París. Sempre en institucións do máis alto nivel.
Como pintora, a súa primeira exposición en solitario tivo lugar en 1943, mentres que Småtrollen och den stora översvämningen, é dicir, o primeiro número dos Mumin, os singularísimos personaxes para o público infantil que a farían mundialmente famosa, viu a luz no ano 1945. Amais de publicar outros cinco números desa serie ―os máis soados, os titulados A chegada do cometa (1946) e O sombreiro do mago (1948)―, traballou durante dúas décadas (as de 1950 e 1960) na tira de cómic destes icónicos personaxes, que publicaban xornais de todo o planeta. En paralelo, desenvolveu unha obra narrativa para o lectorado adulto de grande interese, conformada por títulos coma O libro do verán (1972) ou Solstaden (1974), cuxo elemento común coa presente peza é o estilo depurado e unha exploración íntima da soidade e das relacións humanas, adoito cun pouso melancólico e filosófico.
En 1966 foi recoñecida co prestixioso Premio Hans Christian Andersen.
Pouco despois retirouse coa súa parella, a artista Tuulikki Pietilä, á illa da súa infancia, Klovharun, no sur de Finlandia, onde pasara moitos veráns. Morreu en 2001 en Helsinqui, aos oitenta e seis anos de idade.
____
Editorial: Hugin e Munin 04-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 208
GRANDES CLÁSICOS
NOVELA PSICOLÓXICA