Emily Fox-Seton, de tan boa, parece parva. Malia a súa liñaxe nobre, parece destinada a coidar das vidas de todos os que a arrodean. Mais a súa vida vai cambiar cando coñeza o marqués de Walderhurst, un dos mellores partidos da alta sociedade británica de finais do século XIX. Esta novela retrata unha protagonista inesquecible, chea de bondade e entusiasmo para superar todas as dificultades. Unha historia de romanticismo e intriga.
Emily Fox-Seton que ten trinta e catro anos, está soa no mundo e vive nunha pensión de mala morte gáñase a vida facendo pequenos recados para damas da alta sociedade londiniense. Pero como é enormemente práctica e ten moi bo corazón, aos poucos vaise convertendo en imprescindible. Por iso, unha destas damas pídelle que a acompañe á súa mansión no campo, onde debe ter lugar unha gran festa coa flor e nata da sociedade inglesa. Alí coincidirá co marqués de Walderhurst, un dos solteiros máis cobizados do país, ao que todas as mozas da festa tentarán cegar. Pero o marqués non ten especial interese en casar. Ou, polo menos, iso é o que cría ata o de agora. Frances Hodgson Burnett atrapa ao lector desde a primeira páxina desta intrigante novela, cun ritmo in crescendo que se volve especialmente inquietante cando, na segunda metade do libro, aparecen uns parentes do marqués que pretendían herdar a súa fortuna.
Outra obra mestra da autora d'O xardín secreto.
Frances Hodgson Burnett, nada en Manchester o 24 de novembro de 1849 e finada en Nova York o 29 de outubro de 1924, foi unha escritora e dramaturga británica nacionalizada estadounidense en 1905.
A morte do pai provocou a ruína económica da famlia e a necesidade de emigrar aos Estados Unidos de América en 1865. Con 23 anos, casou co doutor P. Burnett, co cal tivo dous fillos. En 1877 apareceu a súa primeira novela, That Lass O'Lowrie's, pero o éxito non lle chegou até a publicación de Little Lord Fauntleroy (1885), consolidado logo con The Little Princess (1905) e The Secret Garden (1910), que completan a súa triloxía para o público infantil.
No persoal, divorciouse do doutor Swann M. Burnett e casou de segundas co doutor Stephen Townsend, de quien tamén se divorciaría. Residiu nas Bermudas e en Long Island. Tras a perda do seu primoxénito, dedicouse á xardinaría, á teosofía e ao espiritismo, até a súa morte en 1924.
____
Editorial: Aira 09-2024
Idioma: Galego