Elías, o afillado de Agustina, naceu no Seixo de Darbo, nunha casiña branca e de pedra. Pouco despois, nos tempos arrepiantes da guerra de España, naceron o seu irmán e a súa irmá, e a familia asentouse en Cangas, onde sempre se sentían as gaivotas. Alí, no barrio mariñeiro do Forte, dominaban os cheiros a pesca, a roupas de auga, a redes, e había un secadoiro de polbo e peixe.
O mar estaba a rentes e rosmaba como un dragón desexoso de engulir a xente, con ventos que galgaban e miañaban como grandes feras.Novela de carácter autobiográfico, no ronsel de "Fins do mundo" e "Profecía do mar", obras esenciais na traxectoria literaria de Bernardino Graña, relata aqueles días de infancia, de fame e naufraxios nunha vila mariñeira do Morrazo, nos primeiros anos da guerra. Escrita cos fíos da memoria, retrata sen nostalxia e con humor a sociedade á intemperie da galerna e dos malos ventos de mar aberto, na que, a pesar das penalidades, a rapazada respiraba o aire salitroso con alegría. "O neno mariñeiro" é unha alfaia da literatura galega da memoria escrita por un clásico contemporáneo.
Bernardino Graña Villar, nado en Cangas o 27 de setembro de 1932, é un escritor galego.
É fillo de Bernardino Graña Refojos. Foi catedrático de lingua e literatura na educación secundaria en diversos destinos, entre eles Onda, Reus, Guadix, Zaragoza, Padrón, Sarria e Cangas, até a súa xubilación en 1991. Desde moi mozo formou parte do consello de redacción da revista poética Alba.
En Salamanca nos anos 1950, co profesor-poeta Rafael Laínez Alcalá, participou nas revistas poéticas e no faladoiro Marabunta, que organizaba recitais na Universidade salmantina na aula de Salinas e outros foros.Participou tamén como articulista en La Noche e Faro de Vigo, ademais de colaborar como ensaísta noutras publicacións, como Vieiros, Grial ou Ágora.
Fai parte da xinea das Festas Minervais e como tal, en 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid. Tamén foi impulsor e o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), entidade da cal foi nomeado socio de honra no 1996 e Presidente de Honra en 2021. O 12 de xuño de 2010 entrou a formar parte da Real Academia Galega.
____
Editorial: Xerais 09-2019
Idioma: Galego
Páxinas:414
MEMORIA HISTÓRICA