MAXICAMENTE VELLA, ETERNAMENTE NOVA, A LITERATURA TRADICIONAL GALEGA
Por que a túa tataravoa estaría contenta co Día das Letras de 2025:
Que son as "recolleitas" que fascinaron a C. Tangana.
Por que os Séculos Escuros tamén foron Séculos Radiantes.
Que ten a cultura tradicional galega para abrir tanto os ollos de quen a descobre.
Esta obra marca o comezo dun ambicioso proxecto de Callón, para divulgar a historia da literatura galega, ofrecendo, nas súas palabras, “unha visión accesíbel e atractiva para o público xeral”.
A saída deste volume coincide, ademais, coa dedicatoria do Día das Letras Galegas ás cantareiras, o que acrecenta un valor especial á reflexión que propón sobre a literatura de tradición oral. A acollida está a ser tan positiva que, en poucas semanas desde a súa chegada ás librarías, xa tivo que ser reimpreso debido á alta demanda.
Para Callón, “a literatura tradicional galega é unha herdanza viva, que nos conecta cun sólido pasado e nos inspira para o futuro; perdela sería perder unha parte importante de nós e un valioso legado de Galiza para o conxunto da humanidade”. Tamén sinala que “a oralidade é o primeiro libro da nosa historia. Antes que no papel, a nosa literatura escribiuse na memoria e no vento”.
Carlos Callón (Ribeira, 1978). Profesor no instituto San Clemente de Santiago de Compostela, doutor en Estudos Lingüísticos e Literarios do Galego e do Portugués e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística. Recibiu, entre outros, os premios Vicente Risco de Ensaio e o da Crítica de Investigación. No ámbito lingüístico destacan os seus títulos «Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez» (Xerais, 2012) e «O libro negro da lingua galega» (Xerais, 2022). O seu último poemario é «A abertura da boca» (2021). Na investigación LGBT, diplomouse cun traballo sobre o heterosexismo no campo literario (2003) e doutorouse cun estudo sobre as homosexualidades no trobadorismo (2017). Publicou a primeira antoloxía literaria LGBT galega, «Da sátira ao orgullo» (2003) e os ensaios «Amigos e sodomitas» (2012) e «Vidas e historias LGBT na Idade Media» (Xerais, 2025). Tamén en 2025 publicou «Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradicional galega» (Xerais, 2025). Promoveu roteiros, cursos e o documentario «Maridos e sodomitas. Os casamentos de home no reino da Galiza medieval» (2024). É membro da Comisión sobre Identidades e Disidencias Sexuais do Consello da Cultura Galega.
ENTREVISTA
Lourdes Varela. Faro de Vigo 03-2025
–Hai quen só percibe que o DLG 2025 está dedicado ás cantareiras e pandeireteiras, pero a homenaxe abarca a poesía popular, e, polo tanto, os seus autores/as. A partir de que época podemos identificar algúns/as deles, tendo en conta que a maioría destes versos populares naceron e se desenrolaron baixo unha autoría anónima?
–A literatura de tradición oral non se preocupa polo concepto de autoría. Por iso no Día das Letras de 2025 está a acontecer algo que en poucas culturas tería esta dimensión: honramos, na festa anual máis importante dunha literatura, sete grandes que nunca escribiron ningún libro. Os seus nomes son homenaxeados pola función de recreadoras e non o de creadoras. É fascinante que se coloque no centro do foco unha dimensión da literatura que, aínda que foi central na vida das sociedades durante milenios, moitas veces non se valorou. No caso galego, ademais, hai que sumar a desconsideración que sufriu por estar na lingua propia do país. O punto de inflexión chegou con Rosalía.
–Poden detectarse moitas autorías femininas sobre as letras das cantigas populares?
–Son moitas as cantigas populares que mostran unha perspectiva do mundo en feminino. Hoxe pode non resultarnos peculiar, mais pensemos, por exemplo, cantos versos escritos por mulleres damos encontrado nas literaturas cultas (ou sexa, as publicadas) da Península Ibérica no século XIX e primeira metade do XX e comparémolos co grande protagonismo que teñen na lírica tradicional galega recollida nesa mesma época. Ás veces temos que ollar para outros ángulos para encontrar a forte pegada cultural da metade da humanidade. Ademais, hai textos que poden aparecer enunciados en masculino e, porén, só os recollemos por mulleres informantes, que eran quen os cantaban á calor das lareiras.
–Deberían incluírse tamén nesta homenaxe da RAG os regueifeiros e regueifeiras, cuxas letras supoño que serán case imposibles de rescatar?
–É interesantísimo o que comentas. A literatura de tradición oral foxe até tal punto das regras da literatura escrita que podemos encontrar modelos en que é máis importante na permanencia no tempo a estrutura (de diálogo, de discusión...) que as propias letras. A chave, aí, é saber improvisar. Quero ter unhas palabras de lembranza para a viguesa Marta Souto, que faleceu o ano pasado, e que tanto fixo para revitalizar este xénero tan poderoso.
–Que papel xogou o padre Sarmiento no feito de que, aínda hoxe, chegaran onda nós cantigas populares antiquísimas?
–O padre Sarmiento fixo tanto por Galiza! Debería ter unha rúa polo menos en cada concello! Neste ámbito, foi o primeiro en recoller e pór en valor a poesía tradicional galega. Avisaba, por exemplo, da grande riqueza lingüística e estética, de que mesmo copras que podían parecer simples darían para un profundo estudo, porque a súa sinxeleza era só aparente. Ademais, chamou a atención sobre o protagonismo das mulleres traballadoras galegas. Di delas que son «poetas» e «músicas naturais» mesmo sen teren estudos. Moitas veces esquécese lembrar o contexto en que abre a boca o padre Sarmiento: era habitual insultar as mulleres galegas de forma terríbel, xenófoba, e el decide celebralas como artistas desde o nacemento.
–Aínda é posible, en pleno século XXI, atopar nas recolleitas letras de cantares populares antiquísimos que nunca antes foron «descubertos»?
—As literaturas tradicionais están a esmorecer na maioría do planeta e iso supón un desafío xeral. Son ligazóns colectivas que existiron desde o amañecer da humanidade. Esta perda, substituída pola tecnoloxía e o consumo de masas, tamén está a provocar un certo retorno ao que se sente como ancestral, como auténtico. Acontece en moitos lugares do mundo, e tamén en Galiza, onde por exemplo grupos de mozas e mozos seguen a facer recolleitas moi xeitosas e están a espallalas nas redes sociais. Hai un empobrecemento (temático, lingüístico, etc...) a respecto do que se conseguía en décadas anteriores, mais aínda hai tesouros gardados nas bocas de moitas persoas.
–Sería posible, cos datos que temos, elaborar a «enciclopedia» da historia da literatura tradicional?
—É posíbel, mais sempre asumindo que o importante caudal de textos que imos estudar é só unha parte do que na verdade existiu. Hai entidades, como a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega, que levan feito un traballo impagábel.
–Ata que punto a transmisión oral de todos estes versos é fiable á hora de chegar a facer realidade esta historia enciclopédica da que lle falo?
–Temos que saber que hai espazos de sombra. No pasado, por exemplo, non se colocaban no papel impreso os versos tradicionais de contido erótico. Así mesmo, hai ámbitos en que podemos imaxinar que houbo un maior protagonismo da creación oral mais tampouco se pasou despois aos libros. Existe, ademais, un elemento que non podemos pasar por alto: a progresiva castelanización da literatura tradicional, conforme avanzou a represión contra a lingua propia. Iso fixo pasar dunha poesía monolingüe no idioma propio a unha infiltración maior do español. Agudizouse nas últimas décadas, mais vén de moito antes. Xa hai 150 anos, houbo quen advertiu de que se estaban a traducir ao castelán versos que antes só se cantaban en galego.
-Xa para rematar, voulle facer unha pregunta que figura na contracapa do seu libro: Que ten a cultura tradicional galega para abrir tanto os ollos de quen a descobre?
-Fomos educadas e educados (ás veces, de forma directa, mais tamén con indirectas constantes) na idea de que a cultura tradicional galega non valía para moito. A cultura de orixe oral que nos chega con forza desde hai décadas é a do estilo da Disney ou esoutra castelá-andaluza. Hai uns anos, nun programa de talentos en Tele5, no que aplaudían «el flamenquito», espetáronlles a un grupo de música tradicional galega que o seu non servía para a televisión, que non debía saír das romarías de aldea. Quen é capaz de de superar semellantes prexuízos e coñece o que a cultura tradicional galega ten para dicirnos, non pode deixar de se sorprender e dicir: «Como é que había todas estas historias e cantares ao meu redor e eu non sabía nada?»
____
Editorial: Xerais 02-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 88
HISTORIA
LITERATURA TRADICIONAL GALEGA
SÉCULOS OSCUROS