A Eneida, unha das obras cumio da literatura universal, foi escrita orixinalmente en doce volumes de papiro, e contén un total de 9896 versos (unha media duns 824 versos por libro).
Para compoñer o seu poema épico, Virxilio inspirouse na Ilíada e mais na Odisea de Homero. A primeira metade da Eneida contén a viaxe dun heroe na procura dun destino; a segunda é o relato da guerra que o heroe debe librar para estabelecer unha nova comunidade. A primeira sección lembra a Odisea, pero diferénciase dela en que o heroe non sabe a onde vai (ao revés de Ulises, que persegue o regreso a Ítaca); a segunda está baseada na Ilíada, mais distínguese dela en que, se a guerra dos heroes homéricos gregos é destrutiva (a conquista e saqueo de Troia), Eneas loita por dar nacemento a unha nova patria.
Á súa vez, a nómina de obras influídas directamente pola Eneida é longuísima, e aquí conformarémonos con citar dende a Divina Comedia de Dante a The House Of Fame do inglés Geoffrey Chaucer (c. 1340-1400), Os Lusíadas, do portugués Luís Vaz de Camôes (c. 1524-1580), La Araucana, do castelán Alonso de Ercilla (1533-1594), os Paradise Lost e Paradise Regained do inglés John Milton (1608-1674), ou, entre nós, Os Eoas de Eduardo Pondal (1835-1917).
Traducido por Alfonso Blanco
Esta tradución, que se presenta en versos non rimados, para non desvirtuar demasiado a forma orixinal, supuxo máis dunha década de traballo (en períodos descontinuos).
Publio Virxilio Marón naceu no ano 70 a.n.e. en Andes, unha aldea ao norte de Italia preto de Mantua, no seo dunha familia humilde pero que posuía algunhas terras. Cando Virxilio tiña uns doce anos, trasladáronse a Cremona; alí fixo os primeiros estudos o poeta até que tomou a toga viril no 55 a.n.e. Posteriormente, viaxou a Milán para estudar retórica e outras disciplinas relacionadas co mundo da natureza e o seu coñecemento. Máis adiante continuou a súa formación en Roma, centro neurálxico da vida pública e lugar ideal para desenvolver as habilidades e as artes da elocuencia. Porén, Virxilio pronto se decatou de que o foro non era o seu. Da man de Asinio Polión, home de cultura que se movía polos círculos literarios da época, entrou en contacto cos poetae novi. Así Virxilio comeza a compoñer poemas. O propio autor, nalgunhas destas composicións, despídese da retórica e amosa a súa intención de profundar na filosofía.
Certamente, Virxilio sae rumbo a Nápoles en torno ao ano 50 ou 49 a.n.e. para instruírse con Siro, filósofo epicúreo. A Roma daquel momento pasaba por un momento certamente complicado. As terras paternas en Mantua foron obxecto das confiscacións levadas a cabo a partir do 42 a.n.e., tras a batalla de Filipos, para poder satisfacer as esixencias dos veteranos do exército. Esta perda de patrimonio déixase entrever nas Bucólicas, obra datada entre o 42 e o 39 a.n.e. que consagrou a Virxilio como poeta e que lle abriu as portas dunha nova vida, da man da protección de Mecenas e do propio Augusto. A partir de entón, non terá que preocuparse por cuestións económicas e poderá levar ao máximo desenvolvemento o seu labor literario, lonxe da ruidosa Roma, nas terras de Nápoles. É precisamente neste contorno xeográfico onde o poeta dará forma a outras dúas obras de vital importancia para a historia da literatura: as Xeórxicas e a Eneida.
No ano 19 a.n.e., coa Eneida rematada e lista para recibir as últimas correccións, Virxilio decide viaxar a Grecia para poder ver en directo os lugares que describe na propia obra e así perfeccionar o seu poema. No mes de agosto chegou a Atenas, mais pronto emprendería o camiño de volta aproveitando que Augusto regresaba de Oriente; Virxilio estaba xa moi enfermo, e o 21 de setembro morreu en Bríndisi, cidade italiana da costa do Adriático. Os seus restos mortais foron levados a Nápoles, onde descansan até o día de hoxe.
____
Editorial: Rinoceronte 11-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 376
TEATRO
CLÁSICOS GRECOLATINOS