O Edipo de Séneca é unha traxedia romana de temas e formas gregos que reelabora a historia de Edipo, dramatizada por Sófocles no seu célebre Edipo rei. A maior parte dos estudosos sitúan a súa data de composición durante o goberno de Nerón, se ben, e atendendo a criterios estilísticos e métricos, hai quen a considera unha obra de xuventude, dada a súa excesiva carga retórica. A traxedia bebe do chamado “ciclo tebano”, que comeza coa lendaria fundación da cidade por Cadmo: este, tras sementar os dentes dun dragón que matara, viu como xurdían da terra uns soldados dispostos a loitar entre si. A violencia é, por tanto, a forza motriz da cidade dende a súa orixe, e seguirá definindo o mandato dos herdeiros de Cadmo. O seu neto Lábdaco, ao prohibir en Tebas o culto a Baco, atraerá unha maldición que ha perseguir a todos os seus descendentes, entre eles Edipo.
A violencia, intrínseca ao trono de Tebas, fractura igualmente a xeración seguinte á de Edipo. Tras partir ao desterro na compaña da súa filla Antígona, Tebas é gobernada de forma alterna polos dous irmáns froito do incesto, Eteocles e Polinices, que se aquendan no poder; non obstante, este último ataca a cidade cun exército recrutado en Argos cando Eteocles se nega a cederlle o trono no período que lle corresponde.
Neste contexto arrinca a trama d’As fenicias, traxedia que a maior parte da crítica considera composta nos derradeiros anos de Séneca, xa que certas pasaxes parecen reflectir a situación política da época coas tensións entre Nerón e Británico, o fillo natural de Claudio (que se verían representadas na obra mediante o conflito entre Eteocles e Polinices). Tamén os criterios estilométricos situarían a obra nesta época.
Lucio Anneo Séneca (ca. 4 a.C.-65 d.C.) naceu no seo da familia dos Annaei, pertencente a unha clase social entre a burguesía e os patricios, os chamados equites, na cidade hispanorromana de Corduba. Filósofo, político, orador e escritor, destacou polas súas obras de carácter moralista, como máximo representante do estoicismo.
____
Editorial: Rinoceronte 09-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 134
TEATRO
CLÁSICOS GRECOLATINOS