Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

OS BALTAR. A SENDA DO CACIQUISMO NA DEMOCRACIA PLENA

€20,00
ISBN 9788419040473

NOVA EDICIÓN

José Luis Baltar e o seu fillo José Manuel gobernaron na Deputación Provincial de Ourense durante máis de tres décadas, o primeiro con maiorías absolutas imbatíbeis, que foron minguando co herdeiro. A súa forza política asentouse basicamente nunha tropa alistada por Eulogio Gómez Franqueira, o fundador de Coren, no tránsito do franquismo á democracia, e á fin integrada no PP sen perder un perfil propio, coa bandeira centrista e, na última etapa, a da ourensanía. Tampouco perderon as súas pautas caciquís, singularmente o enchufismo excluínte, nin as tinturas de corrupción. Os autores destapan esa senda ata completar un cadro insólito no marco da democracia plena.

Reportaxe e entrevistas en Praza Pública

Hai agora 35 anos, o 20 de xaneiro de 1990, José Luis Baltar Pumar erguía por primeira vez o bastón de mando da Deputación de Ourense para substituír a Victorino Núñez, que marchaba presidir o Parlamento de Galicia. 33 anos e medio despois, o 17 de xullo de 2023, o seu fillo, José Manuel Baltar Blanco, entregaba o bastón. O ascenso e caída dos Baltar, co pai facéndose con poder moito antes de facerse co bastón, e co fillo xa fóra da Deputación pero aínda no Senado pendente do seu xuízo por conducir a 215 por hora un coche oficial, é o que repasa o libro Os Baltar, a senda do caciquismo na democracia plena (Edicións Morgante, 2024). Escrito por Cristina Huete e Primitivo Carbajo, que foron redactores de El País en Galicia e xa retirados, o libro aproveita a memoria xornalística de dous profesionais sen os que non se coñecerían boa parte dos escándalos que rodearon a Baltar e O Fillo, como se refiren a eles.

Durante os vosos anos como xornalistas en activo recibistes presións por escribir todo tipo de informacións, tamén sobre os Baltar. Para escribir un libro panorámico así en Galicia hai que estar xubilado?

C.H.- Eu aínda non estou xubilada pero si retirada, e aínda estou un pouco á expectativa do que ocorra. A presión segue sentíndose pero quizais menos porque eles xa non controlan o diñeiro público do que se servían para exercer a presión contra a prensa. Contra a prensa que publicaba cousas, claro. Hai que precisar tamén que houbo moitas máis presións nos medios desde que chegou o fillo que co pai. O fillo xa chegou avisando que el non ía ser como o seu pai, campechano.

O libro comeza antes dos Baltar, co ascenso de Eulogio Gómez Franqueira e os seus Centristas de Ourense, onde comezaría Baltar pai, grazas a Coren e os recursos financeiros das caixas de aforros provinciais. Os cartos explican sempre o poder?

P.C.- Como era aquelo de "é a economía, estúpido"? [Rí]. Eu creo que si, sempre, e o poder sempre vai buscando diñeiro. Quizais se tes cartos non busques tanto o poder, pero co poder si que se adoita buscar os cartos. 

Cóntase no libro que Baltar pai facía de porteiro ou filtro de visitas na casa de Franqueira cando este estaba enfermo nos seus últimos anos. Arconada, chamábanlle. A figura do porteiro parece ligada de sempre aos Baltar, coas varias ducias de porteiros que despois contrataron para o centro cultural da Deputación. Que hai de malo en abrir portas á xente?

C.H.- Se é con cartos públicos é horroroso. Abrir portas está ben, pero non facelo con diñeiro público a cambio de que te manteñan no poder. 

P.C.- Non me parece mal abrir portas, pode ser un xesto de xenerosidade. Eu, segundo ía escribindo o libro, a cousa non me parecía tan grave. Dentro do que cabe, abrían portas e repartían soldos. Pero no propio contexto do PP, nin sequera o facían só aos seus, de xeito tan selectivo. Esa pauta paréceme diferencial, e non vou xustificala en absoluto, porque por suposto que prevalece a igualdade de oportunidades...

C.H.- Pero esa apertura de portas que facían era absolutamente ilegal. E foi o que os mantivo no poder. 

Entendo que o que quere dicir Primitivo Carbajo é que vendo o nivel de corrupción que había, con xente levando millóns, eles repartían postos de traballo, aínda que fosen artificiais...

P.C.- Claro, efectivamente.

C.H.- Pero aquí a provincia quedou sen nada, non hai ningún investimento desas décadas de goberno. Cos orzamentos da Deputación, que eran moitísimos cartos, non se fixo máis investimento que os empregos dos seus amigos e da xente que os votaba. 

O poder daqueles Centristas de Ourensereconvertidos en Centristas de Galicia, deu a Manuel Fraga en 1989 a presidencia da Xunta, hai quen di que con votos de dubidoso escrutinio. O poder dos Baltar en Ourense é recoñecido de xeito xeral, pero está infravalorado o que supuxo o seu poder a nivel galego para conformar o fraguismo e a Galicia actual?

 P.C.- Fíxose do baltarismo desde o primeiro momento, co dos enchufes, algo pintoresco. Quedou relegado ao pintoresco e como tal asumible, cando subxacía unha transgresión democrática fundamental. E transcendía noutra realidade política constante, de aí os pulsos que gaña Baltar a Fraga: ou me respectas a miña autonomía neste pintoresquismo da boina ou ti perdes a Xunta. E iso si que non vén sendo suficientemente subliñado e posto en evidencia. Porque efectivamente cuestiona o sistema democrático dun xeito drástico.

C.H.- Non só a Fraga senón tamén a Feijóo. Foi constante. E a Rueda seguiríanlle facendo o mesmo se puideran. Eles vivían diso, deses empregos que daban, que eran os votos que os mantiñan no poder, co que chantaxeaban ao seu propio partido. Que non era seu, que se uniron a el porque non lles quedaba outro remedio, porque Centristas perderan fronte ao PP de Tomás Pérez Vidal. Chamáronlle ourensanía, que era o nome comercial desta práctica. 

Os máis de 33 anos dos Baltar na Deputación foron só mérito deles? Que fixo mal a oposición, os partidos de esquerda, para que os Baltar se perpetuasen?

P.C.- Antes falabas do pucherazo electoral ese presunto, entre aspas [a finais de 1989 co que Fraga chegou á Xunta]. Todos os indicios apuntan a que efectivamente houbo pucherazo. Non se pode ir máis alá porque non hai nada que o confirme, que diga que aquelas irregularidades, de subsanarse, mudarían o sentido da historia. Pero desde aquel mesmo principio non se chegan a subsanar porque hai unha oposición en liza entre eles que permite que iso vaia adiante. No caso do PSOE coa idea de non darlle un escano máis ao Bloque, ademais das presións que puideran ter de Madrid [para permitir a marcha de Fraga a Galicia], que son manifestas. Iso de inicio. E no resto das lexislaturas o mesmo. Non hai unha cohesión firme, unha firmeza democrática, anteposta a calquera outro interese, por parte dos dous grandes partidos da oposición, para acabar con esa anomalía. E así vai subsistindo e vaise tolerando. Nese sentido é unha responsabilidade colectiva, non é só dos ourensáns nin dos votantes do PP.

C.H.- Sendo isto certo, subscríboo, tamén hai que recoñecer que PSOE e Bloque foron aos tribunais en moitas ocasións, e conseguiron unha condena de Baltar, ben é certo que só por prevaricación e non por malversación. Pero tamén pregúntome por outras institucións. Xudicialmente o baltarismo quedou exento de reproche xudicial na súa maior parte. É a sociedade, o sistema, a democracia plena a que tolerou o baltarismo.

P.C.- Efectivamente, había democracia plena pero estábanse vulnerando principios democráticos elementais. 

No libro citades nomes que xa estaban na política ourensá hai catro décadas e que seguen en cargos públicos, o que axuda a contextualizar a actualidade. Botades en falta máis memoria no xornalismo actual?

P.C.- Máis contextualización e efectivamente máis memoria. É moi curioso como este grupúsculo, a boina, vén do franquismo e no caso concreto de Baltar de Falange. Nun primeiro momento non se podía facer unha causa excluínte diso, de ser falanxista, porque había moitísimos. Na UCD por suposto, ata o propio líder. Iso introduce unhas pautas formativas e unha concepción da política, nas que é coherente o enchufismo, que ten moito que ver con aquelas orixes, con esa forma de concibir a política. Adáptanse á democracia cunha maquillaxe, pero en ningún momento formulan unha renuncia, son coherentes con aquel tipo de formación, cunha democracia orgánica.

Baltar pai formaba parte da dereita galega da boina fronte ao birrete. No PP actual, está gañando, ou xa gañou, o birrete?

C.H.- Creo que é evidente que a fuga e captura de O Fillo é unha vitoria do birrete. A xente que está agora na Deputación é un vitoria do birrete. Salvo que estean a reagruparse os boinas e dean un sorpresón.

P.C.- Pero son as formas puramente. Entre Baltar e Rajoy non sabería con quen quedar. Foi presidente do Goberno e aí o temos apoiando a Milei e facendo esas cousas que se lle desculpan como dicir que non entende que lle quitasen o nome dunha rúa en Pontevedra ao almirante golpista Moreno para darllo a Rosalía de Castro. Aí ves como late un franquismo. Ata me parece máis simpático e mellor persoa Baltar. 

C.H.- Pero non así O Fillo. Porque O Fillo entronca máis, aínda que vaia disfrazado, co ese PP urbanita. De feito é urbanita, non é un boina O Fillo.

Apartados os Baltar da Deputación, que queda do baltarismo en Ourense?

C.H.- A provincia. Decenas de concellos na provincia. Imos ver agora que pasa. Como dicían moitos nas vilas: "E por quen imos votar? Polos que gañan!" 

P.C.- Eu creo que é unha estrutura realmente sólida, que se veu consolidando cos anos cuns resultados satisfactorios para quen estaba metido nela. Por iso se lles votaba. Vai deixar de suceder iso? Non creo que sexa tan sinxelo.Como estrutura, como maneira de facer política, non teño tan claro que vaia desaparecer porque desaparezan dúas cabezas. 

C.H.- Calquera partido tentaría aproveitar esa estrutura, rendibilizala xa que a teñen. Supoño que xogarán a iso. Cos birretes á fronte pero non van dilapidar esa estrutura. 

Se titulo esta entrevista así, "a estrutura caciquil non vai desaparecer porque desaparezan os Baltar, calquera partido tentaría rendibilizala", estades os dous de acordo?

C.H.- Paréceme perfecto. É unha estrutura de moitas décadas, que empezou con Victorino Núñez. Había unha pintada en Ourense que dicía "Victorino, ladino, colócame al sobrino". 

P.C.- Unha estrutura incluso de antes, do propio Franqueira. Está nesa idea da frase a motivación do libro, previr, dicir que iso está aí, que estamos en democracia pero nunca se tratou de minar esa realidade. 

O libro remata sinalando que se pediu colaboración directa aos protagonistas para que achegasen as valoracións que considerasen, pero que nin contestaron. Tedes algún tipo de valoración extraoficial sobre o libro ou sobre o voso traballo que vos puidese chegar a través de persoas próximas aos Baltar?

C.H.- Eu non, desde logo. Igual é moi cedo e a xente aínda non sabe do libro.

P.C.- Ben, sabíano eles e non moveron tampouco nada.

C.H.- Eu creo que poderían xogar esa baza se mantivesen o poder, pero agora están os seus inimigos íntimos á fronte das institucións. Igual os birretes refregan as mans, pero están todos implicados.

David Reinero
Xornalista de datos máis que de anécdotas, forma parte da redacción de Praza Pública desde 2016 tras facer de todo en El País, Xornal de Galicia e Atlántico Diario

 

Autores do libro

Cristina Huete é xornalista. Naceu e criouse en Ourense. Tras licenciarse en Ciencias da Información na Universidad Complutense de Madrid, regresou á súa cidade, onde desenvolveu a maior parte da súa actividade profesional. Traballou nos diarios Faro de Vigo, La Voz de Galicia El País, centrándose, fundamentalmente, na información política ourensá.

Primitivo Carbajo é xornalista de extenso percorrido en medios galegos e españois. Foi corresponsal de El País en Vigo e redactor de El País Galicia. Tamén foi director de Comunicación da Uvigo. É coautor, con Luis Pita,
da biografía non autorizada Paco Vázquez, a pegada dun príncipe (Xerais, 1993) e en Edicións Morgante publicou as crónicas Salgheirón (2021), sobre un conflito urbanístico senlleiro en Cangas do Morrazo; Derrotas andinas (2021), sobre unha singular viaxe por Ecuador, Perú e Bolivia, e A marcha da paz secuestrada (2024), sobre unha expedición internacional pacifista en Centro América.

____

Editorial: Morgante 12-2024
Idioma: Galego
Páxinas: 234
ENSAIO