Baixo o título de Semente de mencer publicamos toda a obra poética, editada en libro en vida do autor, de Darío Xohán Cabana (Roás, 1952-Romeán, 2021). Un coidado volume de 746 páxinas, en capa dura, dentro da nosa colección Rescate.
E nunha edición, estudo e notas a cargo de Anxo Angueira.
Reúne os quince libros publicados en vida do autor, dende Verbas a un irmao (1970) ata Cabalgada na brétema (2006). Ademais, aporta un apartado gráfico
que percorre a vida de Xohán Cabana a través de fotografías, manuscritos e capas históricas dalgún dos seus títulos.
Así o explica, no limiar, Anxo Angueira: «Non sei se nun caso de escritor total coma o de
Darío Xohán Cabana procede mellor que en ningún outro dicir que é poeta por riba de todo. A poesía organizou toda a súa vida literaria de tal xeito que concibimos a monumental obra de Darío como a dun poeta constante e sen descanso.
»Poboada de flores de aceiro e en galego literario rico, aberto e poderoso, a poesía de Darío, ollada desde hoxe, convídanos a facer memoria das grandes encrucilladas políticas da Galicia contemporánea, especialmente as que el viviu en primeira
persoa. Pero tamén nos leva ás grandes encrucilladas atemporais do ser humano, aquelas que o presentan diante do amor e mais da morte, diante da angustia e da esperanza, diante da liberdade aferrollada e da semente de mencer».
____
Editorial: Alvarellos 01-2008
Idioma: Galego
Páxinas: 745
POESÍA