Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

EN ESPIRAL

€20,00
ISBN 9788412771138

Xosé Luís Méndez Ferrín asegura que nunca pensou a súa vida como a dun escritor pero a vida acabou por convertelo nun escritor en plenitude e, ademais, central dentro do sistema literario galego, ao que lle entregou libros de mestría incontestable como Poesía enteira de Heriberto Bens, Con Pólvora e magnolias, Estirpe ou Contra maquieiro. A súa obra xurde nunha terra e nun tempo onde se cruzan a epopea galeguista e o último asalto proletario á sociedade de clases. É poesía refractaria á poesía que vive á marxe da historia. Epicúrea pero existencialista, pozo negro e apoloxía do mundo ancho e terríbel, desenvólvese nas contradicións e exáltaas. Esta antoloxía, realizada por Daniel Salgado, amosa o poder dunha obra que atravesa o tempo sen deixar de abraiarse, que non renuncia e que tampouco acepta. Unha poesía de soberanía estética e autonomía política.

Xosé Luís Méndez Ferrín

Naceu en Ourense en 1938. É talvez o principal escritor galego da segunda metade do século XX. Amais da súa obra poética –escolmada nesta antoloxía de 48 textos– publicou volumes de relato curto –Percival e outras historias (1958), O crepúsculo e as formigas (1961), Elipsis e outras sombras (1974), Crónica de nós (1980), Amor de Artur (1982), Arraianos (1991)–, novela –Arrabaldo do norte (1964), Retorno a Tagen Ata 1971), Antón e os inocentes (1976), Bretaña, Esmeraldina (1987), No ventre do silencio (1999)– e ensaio e compilacións xornalísticas –De Pondal a Novoneyra (1984), Dosinda Areses. Prosas completas (1988), Un escritor nos xornais (2001), Arraiano entre arraianos (2017), No fondo dos espellos (2020).

A súa obra poétca consta de Voce na néboa (1957), Antoloxía Popular (1972) co pseudónimo de Heriberto Bens, Sirventés pola destrución de Occitania (1975), Poesía enteira de Heriberto Bens (1980), Con pólvora e magnolias (1976), O fin dun canto (1982), Morte de Amadís (1990), Erótica (1992), Estirpe (1994), O outro (2002), a compilación de obra dispersa Era na selva de Esm (2004) e Contra Maquieiro (2005).

 O antólogo:

Daniel Salgado (Monterroso, 1981) traballa como xornalista. Publicou numerosos libros de poemas, entre eles Días no imperio (2004), Éxodo (2006), Dos tempos sombrizos (2013), O Gran Rexeitamento/Flores para Albert (2017) ou Os paxaros e outros poemas (2021). A súa obra foi escolmada por Alberto García-Teresa e traducida ao castelán por Miriam Reyes en Huelga general. Antología (2018). El mesmo verteu ao galego a Allen Ginsberg, Amiri Baraka, Adrienne Rich ou Lawrence Ferlinghetti. Escribiu algúns ensaios xornalísticos sobre a esquerda en Galicia, coordina Cairón, o boletín do Instituto de Estudos da Ulloa, e fai parte de “vietcong”, proxecto musical de noise punk e libre improvisación.

____

Editorial: Chan da Pólvora 02- 2024
Idioma: Galego