Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

O ESCUDO DO REINO DE GALIZA

€29,90
ISBN 9789788409328
Un escudo presente desde o século XIII
O libro editado -con 224 páxinas a toda cor e máis de 150 ilustracións- amplía en 8 capítulos o traballo inicial do coleccionábel de hai un ano. Facendo unha revisión do publicado para ofrecer unha visión máis completa da orixe do escudo galego.

As primeiras versións coñecidas do escudo do Reino da Galiza datan dos anos finais do século XIII. Así no Segar´s Roll, un armorial -libros de armería con descrición de emblemas heráldicos- inglés elaborado arredor de 1282 aparecen recollidos 24 escudos reais, entre eles os de España, Navarra, Portugal, Aragón ou Galiza, representado “en campo azur, tres cálices de ouros ben ordenados”.

O traballo conta cun preámbulo traducido a sete idiomas: alemán, español, catalán, euskera, francés, inglés e xaponés e un prólogo de Johanes Kabatek, catedrático da Universidade de Zúric onde se ocupa da cátedra de Lingüística Iberorrománica e de Lingüística Románica. É membro correspondente da Real Academia Galega desde 2002. A maiores, o libro, ten un epílogo asinado por Carlos L. Bernárdez, licenciado en Xeografía e Historia e recoñecido ensaísta no campo literario e artístico.

O escudo tamén aparece de maneira diferente na Galiza e no estranxeiro. Así, mentres no noso país amósase incorporado ás armas do Reino de Castela desde o século XVI, en Europa figura só, situado en pé de igualdade con outras posesións territoriais do monarca. A explicación desta realidade apunta a motivos claramente políticos e informa sen ningún xénero de dúbidas sobre a natureza e a forma de incorporación da Galiza á coroa castelá.

Un escudo de orixe laica
Os motivos relixiosos non están presentes nas primeiras representacións do escudo galego. A respecto do cáliz, o deseñador Pepe Barro afirma que “os cálices medievais non son só obxectos litúrxicos, son pezas comúns nas mesas da nobreza –o resto da poboación bebía en cunca–, logo debo concluír que o primeiro escudo da Galiza é absolutamente laico”. Nesta liña, Héitor Picallo documenta que os primeiros escudos onde os cálices teñen unha significación relixiosa datan da década dos corenta do século XV, sinalando como exemplos o Armorial de Redinghoven de Múnic, o Armorial Bergshammar de Estocolmo e o Armorial Gymmich de 1445, conservado na Biblioteca Real de Bélxica. As cruces non aparecen no escudo da Galiza até a segunda década do século XVI.

A presenza internacional do escudo do Reino da Galiza
A importante presenza do escudo en Europa dá conta da dimensión internacional do Reino da Galiza. Se a cartografía árabe ou europea achega até o século XV unha Galiza diferenciada de España, denominación reservada durante a maior parte da Idade Media para referirse á área peninsular de hexemonía musulmá, a heráldica informa do relevo internacional da Galiza e da súa consideración como unha realidade que preserva aínda un carácter diferenciado nas posesións dos reis da casa de Austria.

 

____

Editorial: Sermos Galiza
Idioma: Gallego