Como se prepara a terra dun xardín? E que sementes cómpre mercar sen falta este ano? Como plantarlle cara a unha mangueira rebelde? Hai algo que un apaixonado da xardinaría poida facer durante o frío inverno para non sucumbir á morriña polo seu xardín, mergullado no letargo invernal? Karel Čapek dedícalles aos amantes da xardinaría este libriño onde ofrece consellos sobre os traballos, as ledicias e as preocupacións do xardín e instrucións mes por mes para o seu coidado.
Porén, este libro é moito máis ca un detallado manual de xardinaría: co seu proverbial sentido do humor, Čapek achéganos de xeito tenro e entrañable ao amor pola natureza, dentro dese decidido pacifismo que plasmou en tantas obras.
Esta obra publicouse por primeira vez en galego en 2009. Esta nova edición conmemora os vinte anos da editorial.
Karel Čapek (Malé Svetonovice, 1890 – Praga 1938) é un dos escritores checos máis sobranceiros do século XX. Tras estudar filosofía en Praga, Berlín e París, empezou traballando como bibliotecario e educador dun conde, para despois consagrarse á súa carreira de xornalista, escritor, dramaturgo e incluso director de teatro. A súa ampla obra abrangue moitos xéneros: contos para nenos, relatos de viaxes, literatura realista, filosofía, relatos fantásticos, obras teatrais e ficción científica, sendo este último xénero o que lle outorgou máis sona internacional. Caracteriza a súa obra o seu senlleiro sentido do humor, unha fina ironía e, en numerosas obras, unha voz que advirte dos perigos do totalitarismo e o incipiente fascismo que ameazaba a nova Checoslovaquia, como por exemplo en Bílá nemoc (a enfermidade branca), onde fala dun terrible mal contaxioso que se espalla rapidamente. Trata temas tan actuais como a mecanización do ser humano na sociedade industrial ou as armas de destrución de masas. Se hai algo fundamental na caracterización da súa obra é o seu dominio da lingua, o extenso vocabulario do que fai uso e a súa forza expresiva. Malia ser un dos máis grandes da literatura checa do século XX, o réxime comunista non recoñeceu a súa importancia. Pronunciouse en contra do fascismo alemán, pero tamén se distanciou dos comunistas, pois non cría na ditadura do proletariado como única forma de organizar a sociedade.
____
Editorial: Rinoceronte 11-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 160
CARTONE
EUROPA
NATUREZA