Unha historia impensable en terra firme pero cotiá alén de augas territoriais. Unha bengala de auxilio que estala nas conciencias como sal nas feridas.
«A lei do mar» narra unha historia real sucedida no Mediterráneo, un mar que é a patria dos que non teñen fogar, unha invernía salvaxe onde non chegan as leis dos homes. Manuel Esteban comparte con nós unha estremecedora historia de morte e de supervivencia, de solidariedade e de egoísmo. Unha historia sórdida impensable en terra firme pero cotiá alén de augas territoriais. Unha bengala de auxilio que estala nas conciencias como sal nas feridas. Este e o relato desacougante de seis mariñeiros que rescatan un grupo de persoas subsaharianas entre as que se atopan tres nenas obrigadas a vivir, mais tamén é o relato desesperado dun home peixe obrigado a esquecer para converterse en humano.
Manuel Estebán, escritor: "A lei do mar é un libro incómodo para quen me contou a historia, para min e para o lector"
Manuel Esteban (Vigo, 1971) regresa ás librarías con A lei do mar (Xerais), unha historia desgarradora sobre os dilemas morais do rescate de persoas migrantes no Mediterráneo. A novela, ambientada no barco Lex Maris, emerxe como unha bengala de auxilio que obriga a mirar o mar sen épica nin consolo.
—Que lle leva a viaxar coa pluma até o Mediterráneo para escribir A lei do mar?
Coñezo un mariñeiro que me conta historias de mar aberto. Hai cinco anos, estivo traballando en rescates con ONGs e chegou dunha travesía completamente desencaixado. Contoume a historia de cabo a rabo e eu quedei conmocionado. Pedinlle gravala e, despois, pedinlle permiso para escribila. Cría que a historia tiña que ser contada e a el pareceulle ben. De aí nace A lei do mar.
—E que lle impresionou máis desta historia?
O máis complicado foi afastarse do terreo das decisións correctas e incorrectas. Do relato heroico de que hai bos e malos e da épica que facemos da xente que vai rescatar migrantes no Mediterráneo. Ese relato é un relato de "pobres desgrazados" que migran, naufragan e son rescatados por heroes do noso continente.
A historia que recibín escacha por completo este relato, sen darlle a razón a quen fala de deixar morrer a xente en mar aberto. O cerne da historia móvese nesa zona gris descrita por Primo Levi cando explicaba o auxe do nazismo, onde as boas e malas decisións confúndense.
En atención á lei do mar, non podes coller alguén dunha embarcación, subilo ao teu barco e levalo a Europa, porque iso é tráfico ilegal de persoas. A única maneira de facelo é se a embarcación naufraga. No Lex Maris, o barco no que transcorre a historia, hai seis tripulantes, dos cales catro fan o rescate... Oito brazos para recoller 100 persoas que pican a lancha á mantenta para ser rescatados... Unha ruleta rusa. Isto é o que desgarra da historia e o que me pon nunha posición terribelmente comprometida como ser humano.
—Hai tanto supervivencia como solidariedade, como é o equilibrio de ambas na novela?
Moi complicado. O mar é como o amor: un territorio onde non chegan as leis dos homes. As decisións que tomas veñen desde a moral que leves posta. Non hai un salvavidas ético que che diga o que facer.
—Por que é tan necesaria esta novela como bengala de auxilio para as nosas conciencias?
Non se debe deixar a solución a este grave problema migratorio nas mans da xente do mar. Iso é fechar os ollos. A solución non é nin recollelos en mar aberto nin botalos para atrás. A novela é unha bengala para espertar as conciencias e demandar unha solución para o problema migratorio que sexa previa.
—Que simboliza o home peixe na novela?
A necesidade que ten a xente do mar de esquecer as historias. O mar está cheo de tesouros, pero non son galeóns afundidos cheos de moedas, senón historias. A xente do mar é moi remisa a contalas porque son historias que é preciso esquecer para poder ser humano e durmir polas noites.
—Se lle puidese mandar unha mensaxe a alguén que teña agora mesmo o seu libro entre as mans, cal sería?
Remítome a unhas palabras de Saramago, que dicía que a literatura non está só para entreter, está para incomodar. O que lle diría a calquera que vaia ler A lei do mar é que é un libro incómodo. Foi incómodo para quen me contou a historia, incómodo para min e é incómodo para o lector.
Manuel Esteban
Manuel Esteban (Vigo, 1971) é médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e profesor da rama sanitaria de formación profesional. Traballa no Centro Integrado de Formación Profesional Manuel Antonio. É pai de dous nenos, o maior dos cales ten síndrome de Down, e foi durante oito anos vicepresidente de Down Vigo. «A ira dos mansos», Premio Xerais 2016, foi a súa primeira novela, seguida por «O meu nome é Ninguén» (Xerais, 2018) e «A vinganza dos homes bos» (Xerais, 2020), todas elas protagonizadas polo inspector de policía Carlos Manso. «Setestrelo» (Xerais, 2023), publicada na colección Fóra de Xogo, é unha novela destinada ao público xuvenil. Con «O xogo de Escher» (Xerais, 2024) gañou o IX Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira. A súa obra máis recente é «A lei do mar» (Xerais, 2025). Fotografía do autor: M.A.
____
Editorial: Xerais 09-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 112
NARRATIVA