Ir a contenido
Gastos de envío desde 3,30€! 📦
Gastos de envío desde 3,30€! 📦

TRANSITO

€15,00
ISBN 9788412771145

Trânsito é o peche simbólico que Antom Fortes fai dunha triloxía formada por Figuras masculinas de meio-corpo e Sexto fetiche, dous dos libros máis admirados da poesía homoerótica galega. Trátase dunha entrega onde o autor se demerxe na recuperación saudosa dunha biografía afectivo-sexual, convertendo o poema nunha especie de máquina emocional que nos traslada a unha época callada de dificultades no social e significada polas dúbidas de xénero no individual. Pero non só é o pasado o que abrolla por entre os escintilantes versos de Fortes, senón que Trânsito é unha obra xurdida no presente e marcada por unha crise de saúde e de idade. Nese sentido, responde tamén á necesidade dun exercicio de memoria terapéutica fronte á morte.

Antom Fortes Torres (Sarria, 1957) atravesa ao longo da súa traxectoria a poesía, a literatura infantil e xuvenil, a tradución e tamén a escrita de guións. Actualmente forma parte do grupo das Lupercais. A súa obra inclñue títulos como Figuras masculinas de meio-corpo, Sexto fetiche, Ofelia sen dó ou Gris Cinza. No ámbito das obras dirixidas ao público xuvenil, figuran Caderno animalista, Fume ou Á sombra dos anacardos.

Tres poetas en estado de plenitude: Antom Fortes, Genaro da Silva e Luís López Alonso.

Son tres poetas en estado de plenitude. Tres poetas amigos e unidos polo colectivo das Lupercais de Lugo. Tres poetas que exploran novas latitudes, cada un nunha dimensión singular, sexa coa ironía escéptica de Genaro da Silva, a nostalxia decadentista de Antom Fortes ou a conceptualización radical de Luís López Alonso. Chan da Pólvora une os seus destinos publicando a un tempo, e dentro da colección Sentulo, os seus traballos, que se unen ao volume colectivo das Lupercais aparecido o pasado ano. Os tres títulos que conforman esta entrega son Trânsito de Fortes, Gacela de Da Silva e Salífero de López Alonso, que se reedita agora coas fotos de Rafael Mallo, realizadas para o orixinal pero ata agora inéditas. Os libros preséntanse simultaneamente este venres 1 de marzo na Casa D’Agua de Lugo (Rúa do Miño, 30) nun acto que comezará ás oito da tarde.

____

____

Editorial: Chan da Pólvora  03-2024
Idioma: Galego