SER CETÁCEO. O FASCINANTE INVERNO DO ANIMAL DE FONDO
Escrito en primeira persoa, fainos gozar dos seus anos de investigación, das viaxes, da historia (persoal, local e internacional), das empresas e da arte que se crearon ao redor dos cetáceos e guíanos por un percorrido polas principais culturas baleeiras, o seu comercio e industria, a súa cultura… demostrándonos a profunda pegada que deixaron en todos os pobos do planeta e, polo tanto, nas vidas de millóns de seres humanos.
Ser cetáceo é unha sombra mergullada nas profundidades do mar, unha silueta que se converte tanto no mito que emerxe baixo a forma de Leviatán como nos mamíferos que, a diferenza de nós, se negaron a abandonar os océanos.
Esta é unha obra inclasificable, a recompensa dunha vida adicada ao estudo, as reflexións dun experto coñecedor do tema que consegue engancharnos e sorprendernos coa súa capacidade de relacionar todo o que nos define como humanos cuns seres tan especiais e próximos como son os cetáceos, que influíron e inflúen nas nosas existencias dun xeito que nin sequera podemos sospeitar.
Estes son os seres que serven de fío condutor nesta viaxe, os que nos levan dende os gravados nas pedras paleolíticas até a súa caza e explotación nun pasado recente.
Francisco X. Fernández Naval
(Ourense 1956). Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación. Poeta e narrador, traballa os variados ámbitos da escrita: novela, relato, poesía, literatura infantil e xuvenil, ensaio, literatura da natureza e de viaxes, teatro, guións de cine e televisión e artigos en publicacións colectivas, xornais e revistas galegas, españolas, portuguesas e americanas.
En 1980, co seu primeiro libro de poemas, A fonte abagañada, gañou o premio de poesía Cidade de Ourense e en 1988, coa primeira novela, O bosque das antas, recibiu o premio Xerais. Dedicou dous ensaios a análise da figura de Julio Cortázar e a súa relación con Galicia: Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar e O soño galego de Julio Cortázar, o primeiro publicado en castelán en Bos Aires pola editorial Corregidor, o segundo gañador do premio Ánxel Casal do ano 2014.
A novela A noite branca recibiu o premio Irmandade do libro ao mellor libro galego de 2012 e Os contos da avoa Pepa o de mellor libro infantil de 2018.
_____
Editorial: Bululu 03-2023
Idioma: Galego