Nun momento crucial da súa xuventude, o filósofo Ignacio Castro Rey retirouse á montaña para tentar converter en mundo un medo atávico e primordial. O testemuño desa experiencia radical, centrada no ascetismo do pensamento e nunha contemplación anómala, é Roxe de sebes, libro que desde a súa primeira edición en 2001 se converteu nunha obra de culto. Composta por un diario de momentos, case ao estilo do haiku, e un ensaio sobre ese retiro, Roxe de Sebes inclúe unha colección de cartas escritas na montaña e un ensaio sobre o poder mítico dos lugares que habitamos e os lugares que nos habitan. Para esta nova edición de Noudelo e Ribón, o autor fixo unha revisión fonda do texto e compilou paratextos de distintas épocas. Ademais, engadíronse unha serie de artigos nos que Emilio Araúxo, Lois Gutiérrez e Alberto Ruíz de Samaniego analizan desde o presente as ondas expansivas que provocou o libro. Quizais o monte –asegura Ignacio Castro– sexa o lugar xeográfico necesario, pero tamén o espazo inmaterial que nos roubaron. O paraíso que nos venden como utopía, cando en realidade só o quitaron da nosa vista.
Ignacio Castro Rey (Santiago de Compostela 1952) é filósofo, crítico de cine e de arte. Tamén exerceu como xestor cultural. Son múltiples os encontros e debates organizados por el nas últimas décadas, en institucións españolas e latinoamericanas. Ademais de numerosos artigos e conferencias, publicou varios libros. Os tres últimos titúlanse Antropofobia. Inteligencia artificial y crueldad calculada (Pre-Textos, 2024), Sexo y Silencio (Pre-Textos, 2021) e En espera (La Oficina, 2021). Foron precedidos de Lluvia oblicua (Pre-Textos, 2020), e Ética del desorden (Pre-Textos, 2017). Tamén publicou anteriormente, entre outros, Sociedad y barbarie (Melusina, 2012) e Votos de Riqueza (A. Machado, 2007). Desenvolve a súa obra filosófica en dous aspectos inseparables. No primeiro, ao bordo da nosa tolerancia ilustrada, Castro parte dunha afirmación filosófica da inmediatez terreal, dunha existencia común e mortal que carece de representa- ción política. A partir de aí fai unha crítica á violencia capitalista, estas novas modalidades de caza do home onde, ao seu xuízo, conflúen a dereita e a esquerda.
____
Editorial: Chan da Polvora 12-2025
Idioma: Galego