A señora Doradour é unha anciá da alta burguesía que sente o peso da soidade e as intrigas do mundo, logo de se ver traizoada por quen consideraba unha doncela fiucega. Cando máis enferma se atopa, recibe unha nota da súa afillada, a benxamina da familia Piédeleu, o matrimonio de labregos que traballa as súas terras, e acorda que a acollerá en París como dama de compañía. Así, Margot, de tan só quince anos, axiña se acostuma á nova vida de luxo no barrio parisiense de Le Marais. Coa chegada do único fillo da súa ama, Gaston Doradour, a inocente rapariga, sen saber apenas poñerlles nome aos seus sentimentos, coñece o amor e as ilusións, malia que a fantasía non tarda en romper por mor das diferenzas sociais, o desprezo do mozo e, máis adiante, o compromiso que este adquire coa fermosa señorita De Vercelles.
Con intervencións do narrador en primeira persoa para achegar reflexións de carácter moral e filosófico, a novela incide sobre a inocencia do primeiro amor e a pureza dos sentimentos da mocidade, que contrapón ao carácter curtido nesas lides do mozo, á súa indiferenza e desprezo. Con todo, sitúanse como
pano de fondo as diferenzas sociais, que frustran calquera achegamento e derivan a trama cara á unión de Margot cun home que a ama e comparte o seu status.
TRADUTOR/A:Xavier Senín
Louis Charles Alfred de Musset naceu en París en 1810, fillo de Paul de Musset, secretario do Consello de Estado, e da culta e instruída Adélaïde Foucher. Aos 16 anos comeza estudos de leis e medicina, pero axiña os abandona para se dedicar á literatura. Catro anos despois publica o seu primeiro libro de poemas, Contes d’Espagne et d’Italie, que o converte nunha figura salientable no círculo literario parisiense. En 1833 coñece a George Sand, con quen mantivo unha tormentosa relación ao longo de dous anos que contribuíu a alimentar a lenda dunha vida de escándalos e excesos.
Parte da crítica considera que o mellor da súa produción xurdiu entre os 18 e 28 anos, se ben foi a partir de 1850 cando foi recoñecido como un dos poetas románticos máis importantes do século XIX, representante da figura do creador atormentado pola angustia e a dor, temas que mostra en pezas como Rolla (1833), On ne badine pas avec l’amour (1834) ou Nuits (1835). En 1836 publica La confession d'un enfant du siècle, novela autobiográfica dedicada a George Sand. Ademais, colaborou con regularidade en revistas literarias da época, entre elas a Revue des Deux Mondes, onde de feito, en 1838, aparecería publicada esta obra breve, Margot.
En 1845 o Goberno francés concedeulle unha pensión vitalicia en recoñecemento ás súas contribucións artísticas e literarias, o que lle permitiu vivir comodamente até a fin da súa vida. Morreu en París en 1857, despois dunha prolongada enfermidade pulmonar.
OPINIÓN
Nouvelle francesa (de apenas 80 páxinas) orixinalmente publicada na Revue des Deux Mondes, no 1838. Hugin e Munin segue a actualizar a biblioteca decimonónica, desta volta cunha obra moi característica da literatura do seu tempo: descrición realista das diferenzas sociais, personaxes profundamente definidos, tanto a nivel psicolóxico como sociolóxico e plumas literarias moi ben dotadas para a narración. Todos estes elementos están presentes nesta obra, que se le deseguida e con gran proveito.
César Lorenzo Gil. Biosbardia
_____
Editorial: Hugin e Munin 04-2024
Idioma: Galego