Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

LUCEIRO DA MAÑÁ

por Ada Negri
€14,50
ISBN 9788412600773

Luceiro da mañá publicouse en 1921 e deseguida contou co aplauso de crítica e público, talvez por recoñecer na obra a fidelidade ao xénero autobiográfico característico da autora e pola súa aposta formal, cunha estrutura fragmentaria e lírica.

Ada Negri baséase en feitos da súa infancia e adolescencia para construír un relato de formación que, escrito en terceira persoa, se abre no entanto coa presenza dun eu e se achega á técnica do fluxo de conciencia. Deste xeito, mediante a suma de unidades narrativas, vaise plasmando a realidade de Dinin: as súas orixes humildes, a vida na portaría na que medra, os xogos no Xardín do Tempo, a chegada da menstruación ou a toma de conciencia da vocación poética, ao tempo que se exalta a relación con múltiples elementos da natureza (o sol, as árbores, as flores…) cos que a protagonista mantén un diálogo íntimo. Ademais, a autora conxuga o seu presente co pasado remoto da avoa e, sobre todo, co da nai, Vittoria, unha obreira explotada nunha fábrica á que a miseria obrigou a renunciar a un fillo por non poder mantelo na casa e, emporiso, caracterizada pola súa alegría vital. A cativa que observa e reflexiona converterase máis adiante nunha moza que traballará como mestra.

Con aparente sinxeleza, mediante frases que semellan anotacións e sen artificios retóricos, plásmanse feitos cotiáns, o visto e o sentido, os misterios da infancia, as primeiras preguntas, a precoz madureza e a curiosidade innata da rapaza, a súa avidez pola lectura ou a indignación ante a miseria e a desigualdade.

Ada Negri foi unha controvertida escritora italiana, das intelectuais que abrazaron o fascismo de Mussolini, até o punto de se converter na primeira muller en ingresar na Academia Italiana no 1940. Mais nesta novela, publicada dous anos antes da chegada do ditador ao poder, aínda vemos a Negri interesada en deixar testemuño da súa propia vida a través da literatura. Novela de inspiración autobiográfica que segue os pasos de Dinin desde a infancia e a relación coa súa nai e avoa. Unha novela escrita con pulso firme e técnicas moi modernas que se desfruta máis dun século despois da súa aparición. Esta edición anotada axuda a contextualizar a época que se relata.

BIOSBARDIA

Ada Negri naceu en 1870 na localidade lombarda de Lodi, no seo dunha familia humilde. Pasou a infancia na portaría do palacio da familia Barni, da cal se encargaba a avoa materna. Ao ano de nacer, quedou orfa de pai e, grazas aos sacrificios da nai, puido asistir á Escola Normal Feminina local, onde obtivo o título de mestra de primaria.

En 1892 publicou o poemario Fatalità. Tras se mudar a Milán, debido á vertente social da súa escrita, entrou en contacto con simpatizantes socialistas e coñeceu a Benito Mussolini. Desenvolveu así mesmo unha ampla actividade filantrópica: participou na fundación da Unione Femminile Nazionale e apoiou a apertura de asilos para prostitutas. Tras casar cun industrial en 1896, tivo dúas fillas, unha das cales morreu con só un mes de vida. A súa poética tornou entón máis introspectiva e autobiográfica, como se aprecia en Maternità (1904) e Dal Profondo (1910). Separouse en 1913, ano no que se trasladou a Zúric, onde permaneceu até o comezo da Primeira Guerra Mundial. Alí escribiu Esilio (1914) e os relatos de Le solitarie (1917), arredor de figuras femininas. En 1918 viu a luz Orazioni, unha colección de odas á patria produto do seu achegamento a Mussolini. Chegarán máis tarde o poemario Il libro di Mara (1919) e esta novela semiautobiográfica, Luceiro da mañá (1921). En 1926 e 1927, foi candidata ao Premio Nobel de Literatura.

En 1931 recibiu o Premio Mussolini pola súa traxectoria, que a consagrou como intelectual do réxime até o punto de que, en 1940, se converteu na primeira muller membro da Accademia d'Italia. Ensumida nun profundo pesimismo e entregada á relixiosidade, morreu case esquecida en Milán en 1945, aínda que o seu corpo foi trasladado á Igrexa de San Francesco, en Lodi.

 

____

Editorial: Hugin e Munin 10-2023
Idioma: Galego