A pesca -entendida como actividade económica xerada pola extracción, a acuicultura mariña, a piscicultura, o marisqueo e mais todo o procesamento dos produtos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas- é considerada polo Goberno de Galicia como un sector estratéxico, tanto polo seu peso económico coma pola súa dimensión social.
A actividade pesqueira contribúe a que se fixe poboación nas zonas costeiras máis deprimidas. Da actividade principal extractiva derivaron nos últimos anos outras actividades que axudaron a suavizar a caída de emprego neste sector primario, papel contributivo que debe ser reforzado a través deste instrumento legal.
Nos últimos tempos sumáronse outras opcións novidosas, desde o procesamento dos produtos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas á industria conserveira, ás plantas de transformación e conxelado etcétera. Son opcións que están comezando a ser exploradas por parte do propio sector e que deben ter tamén un tratamento legal e un recoñecemento do que poden supor no futuro para contribuír a manter o emprego neste sector. Entre estas novas oportunidades están a pesca de turismo ou o turismo mariñeiro, as rutas turísticas de coñecemento da actividade pesqueira e marisqueira e mais o aproveitamento das estruturas portuarias para divulgar o patrimonio cultural mariñeiro.
Nesta lei recóllense estas novas actividades e instrumentos para favorecer, no novo contexto do Fondo Europeo da Pesca, a creación de sinerxías que permitan interrelacionar a pesca e as poboacións costeiras de Galicia.
A pesca ten en Galicia unha importante dimensión internacional. Podemos dicir que é o sector da nosa economía máis internacionalizado. O espírito emprendedor do noso sector pesqueiro levouno a coñecer todos os mares do mundo e a investir en países afastados que, en moitos casos, presentaban graves dificultades de desenvolvemento. Por iso a pesca ten unha forte compoñente de solidariedade que se pon de manifesto a miúdo, sobre todo na época en que a inmigración nos proporciona acotío imaxes de desesperación por chegar ás costas europeas.
O Goberno de Galicia ten que lles dar resposta a estes retos, contribuír a que se eliminen as desigualdades entre as persoas e os países e mais favorecer a erradicación da pobreza e das causas que a orixinan. Este compromiso debe ser reflectido nesta lei, posto que o sector pesqueiro está disposto a que se faga así e precisa dun goberno que coopere nesta dirección.
A cooperación pesqueira internacional, competencia da Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, xa está a xogar un papel significativo na cooperación e no desenvolvemento de países terceiros, papel no que cada vez deben ter máis importancia os propios axentes sectoriais. Neste novo texto legal quérese apostar por un posicionamento cada vez maior nos mercados mundiais da pesca galega, que deberá favorecer os investimentos noutros países e dar a coñecer as excelencias dos produtos pesqueiros galegos.
Todas estas actuacións teñen que vir marcadas por dous principios básicos: a mellora das condicións de vida e de traballo das persoas que practican esta actividade e mais a sustentabilidade da propia pesca. Estes preceptos comportan un claro compromiso en todo o texto legal da nova Lei de pesca de Galicia, tanto á hora de regular os instrumentos cos que nos queremos dotar para introducir a cultura do seguro no sector pesqueiro coma cando se regula a inspección e o control que hai que exercer sobre os recursos pesqueiros ou cando se lles presta maior relevancia ás condicións sociolaborais e se fomenta a participación da muller na toma de decisións dentro das organizacións do sector pesqueiro. Faise recepción explícita tamén das exixencias e das consecuencias da lexislación en materia de igualdade, como é o caso da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, de igualdade efectiva de mulleres e homes; da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, ou da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.
A evolución das prácticas profesionais, así como a dos medios para exercer estas actividades, precisa dunha nova Lei de pesca que constitúa un instrumento áxil, dinámico e doado de comprender e manexar por parte dos traballadores da administración pública.
Despois de transcorrer máis de catorce anos desde a publicación da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, e despois de contarmos con catro leis máis en temas marítimo-pesqueiros ou de administración pública pesqueira, cómpre dotármonos de medios e instrumentos eficaces para exercer as actividades pesqueiras mediante a adopción dun texto legal que regule todas as materias que son competencia da nosa Comunidade Autónoma.
No día de hoxe, pódese dicir que a normativa vixente, excesivamente ríxida, non lles dá respostas axeitadas ás demandas e ás necesidades do sector, algo que dificulta un crecemento ordenado e sustentable e que impide a renovación e a modernización das estruturas produtivas. Esta circunstancia ten incidido especialmente na frota pesqueira artesanal, que debemos regular con esta lei adoptando medidas que permitan a evolución deste subsector tan importante para as poboacións costeiras.
Partindo da base de que toda normativa se debe facer sobre o diálogo e o compromiso con todos os beneficiarios, esta lei debe ser o marco de referencia para definir as liñas estratéxicas de actuación, desde a ordenación dos recursos á comercialización, a investigación, as estruturas organizativas, os traballadores públicos e o tratamento das infraccións e sancións de xeito adecuado para lograr a participación e o cumprimento dos obxectivos.
Esta norma ten en conta unha serie de disposicións ou declaracións aprobadas por outras administracións ou organizacións que fan precisa a actualización das disposicións normativas. Entre elas, cómpre salientar pola súa incidencia na política pesqueira galega a vixente Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, que coa doutrina do Tribunal Constitucional establece o marco competencial sobre o que hai que vertebrar a regulación da actividade pesqueira.
Xunto coas novas disposicións legais promulgadas pola Administración do Estado, desde a Lei de pesca de 1993 á actualidade, cómpre considerarmos que o contexto internacional se viu sometido a importantes cambios que tiveron e que teñen incidencia directa na aprobación de normas e na aplicación de políticas en materia de pesca. Á hora de concretar eses condicionantes internacionais e de tomalos en consideración para elaborar e aprobar esta lei, temos que distinguir dous escenarios: o da Unión Europea e o dos organismos internacionais.
No caso do escenario europeo, a aprobación no ano 2002 do Regulamento (CE) número 2371/2002, do Consello, do 20 de decembro de 2002, sobre a conservación e a explotación dos recursos pesqueiros en virtude da política pesqueira común, fixou un novo marco que establece como obxectivo a explotación sustentable dos recursos acuáticos vivos e da acuicultura no contexto dun desenvolvemento sustentable que teña en conta de maneira equilibrada os aspectos ambientais, económicos e sociais nun marco que debe recoller esta Lei de pesca.
Conxuntamente coa política pesqueira común, no decorrer destes anos, téñense producido numerosas variacións regulativas do marco de apoio comunitario a prol do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro e das zonas de pesca. A aprobación do Regulamento (CE) número 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, con vixencia deica o ano 2013, regula un fondo para lograr unha explotación sustentable e a competitividade das estruturas, a protección e mellora do ambiente e dos recursos naturais e mais a promoción e o desenvolvemento da calidade de vida nas zonas de actividade pesqueira mediante un sistema de financiamento comunitario, estatal e autonómico.
Por riba da influencia dos cambios no contexto comunitario, a lei ten unha das súas fontes fundamentais, que inspira moitos dos seus preceptos, no Código de conduta para a pesca responsable, que foi aprobado no vixésimo oitavo período de sesións da Conferencia da FAO. Se ben a súa aceptación é voluntaria, tal como establece o seu primeiro artigo, o devandito código é froito do consenso entre os países que integran a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) e, ao ser de aplicación mundial, ten como finalidade conservar os recursos pesqueiros e ordenar o desenvolvemento da pesca en todas as fases, desde a captura ao procesamento e o comercio do peixe e dos produtos pesqueiros, as operacións pesqueiras, a acuicultura, a investigación pesqueira e a integración da pesca na ordenación das zonas costeiras.
Trátase, en definitiva, de plasmar nun texto con rango de lei unha serie de directrices e principios fundamentais que favorezan a actividade pesqueira como unha das máis importantes, duradeiras e viables da nosa economía.
Neste aspecto, non se pode obviar a existencia dunha normativa comunitaria de seguranza alimentaria que debe ser considerada para garantir a trazabilidade dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura e mais para lles garantir ás consumidoras e aos consumidores a idoneidade alimentaria. A existencia desta normativa implica de xeito importante ás administracións públicas e aos particulares, en especial no que se refire ao Regulamento (CE) número 882/2004, que establece os controis que se deben efectuar sobre seguranza alimentaria e sanidade animal.
O artigo 148.1.11 da Constitución española habilita a Galicia para asumir competencias exclusivas en materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura.
O Estatuto de autonomía de Galicia materializou esta facultade constitucional ao recoller no artigo 27.15 do noso Estatuto de autonomía a competencia exclusiva en materia de «pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura». Conxuntamente con esta previsión, e respectando o marco competencial do Estado recollido no artigo 149.1.19 da Constitución, de pesca marítima, sen prexuízo das competencias que na ordenación do sector se lles atribúan ás comunidades autónomas, o artigo 28.5 do Estatuto establece que Galicia ten competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado, nos termos que aquelas establezan, en materia de ordenación do sector.
O Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado a Galicia en materia de agricultura e pesca, enumera entre as competencias asumidas por Galicia as materias de «pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura».
O Real decreto 89/1996, do 26 de xaneiro, de traspasos en materia de ensinanzas náutico-deportivas e subacuáticas deportivas, ditado en desenvolvemento do artigo 27.22 do Estatuto de autonomía para Galicia, outórgalle a Galicia a competencia exclusiva en materia de deporte e lecer.
O artigo 149.1.20 da Constitución establece que lle corresponde ao Estado a competencia exclusiva en materia de mariña mercante, abandeiramento de buques, iluminación de buques e sinalización marítima. En consecuencia, correspóndenlle ao Estado tanto as potestades lexislativas coma as de execución da lexislación que para o efecto elabore.
O salvamento marítimo é un dos contidos da mariña mercante sobre o que Galicia (artigo 29.3) asumiu competencias de execución. Consonte o sinalado na disposición adicional décimo novena da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante, introducida pola Lei 62/1997, do 26 de decembro, a Galicia correspóndelle a execución da lexislación do Estado en materia de salvamento marítimo nas augas territoriais correspondentes ao seu litoral, competencia que, en virtude do disposto na disposición adicional vixésima introducida tamén pola Lei 62/1997, comprenderá tamén o exercicio da potestade sancionadora.
A clarificación do réxime competencial foi feita polo Tribunal Constitucional mediante a Sentenza 40/1998, do 19 de febreiro, na que examinou a constitucionalidade, entre outros preceptos, do artigo 6.1, letra e), e do artigo 87. Nesta sentenza, o Tribunal Constitucional vai concluír que o Estado ten potestades lexislativas plenas en materia de salvamento marítimo, potestades que lle van permitir establecer instrumentos de coordinación co obxecto de garantir unha aplicación adecuada e uniforme da norma, correspondéndolles ás comunidades autónomas competencias executivas na materia.
O artigo 149.1.13 da Constitución española establece que a comercialización dos produtos pesqueiros está sometida á normativa básica do Estado, correspondéndolle a Galicia as competencias de desenvolvemento e execución da normativa básica no seu ámbito territorial, todo sen prexuízo das competencias de Galicia recollidas no artigo 27.16 e 18 e no artigo 30.I.4.
Para rematar, o artigo 27.19 do Estatuto de autonomía atribúelle a Galicia competencias plenas en materia de investigación, sen prexuízo do disposto no artigo 149.2 da Constitución, e o artigo 31 do Estatuto atribúelle competencias plenas en materia de ensinanzas, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución
A lei estrutúrase en catorce títulos, trece disposicións adicionais, sete disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e catro disposicións derradeiras.
O contido dos títulos é o seguinte: título I, Das disposicións xerais; título II, Da conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros; título III, Da pesca marítima; título IV, Do marisqueo; título V, Da acuicultura mariña; título VI, Da frota pesqueira galega; título VII, Das organizacións do sector pesqueiro galego; título VIII, Da comercialización, a transformación e a promoción dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura; título IX, Do desenvolvemento sustentable das zonas de pesca; título X, Da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación; título XI, Da formación marítimo-pesqueira; título XII, Da inspección, o control, o salvamento marítimo e a loita contra a contaminación; título XIII, Dos rexistros, e título XIV, Do réxime sancionador.
O título I regula as disposicións xerais, nas que se establece o obxecto da lei e os fins que debe perseguir a política pesqueira de Galicia, así como o seu ámbito de aplicación e as definicións legais.
O título II regula as medidas da conservación e da xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros. Toda política pesqueira ten que vir definida por garantir as condicións socioeconómicas das persoas que dependen do exercicio da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola e mais por aquelas medidas que a FAO e os distintos tratados, convenios e instrumentos internacionais, nacionais e autonómicos fixen na procura de que a actividade se rexa polo principio de explotación sustentable dos recursos. Para garantir esta sustentabilidade regúlanse distintas figuras e instrumentos de conservación e xestión dos recursos, nos que a participación activa do sector é fundamental, básica e necesaria para que se leven a cabo, pois son os directamente afectados e favorecidos na aplicación desta política respectuosa co ambiente e os recursos.
O título III regula a pesca marítima profesional e recolle por primeira vez na normativa autonómica a figura da licenza de pesca profesional, polo que desaparece da nosa lexislación a figura do permiso de explotación. Este cambio vén xustificado pola necesidade de dotar o sector pesqueiro de instrumentos xurídicos que respondan de forma áxil, flexible, sinxela e funcional a unha realidade cambiante. Entre as novidades da nova figura merece destacarse a duración indefinida da licenza, o seu carácter ineludiblemente ligado á embarcación e a asignación de posibilidades de pesca a través da identificación da modalidade autorizada, aspectos que configuran un instrumento con identidade de seu e diferenciada do antigo permiso de explotación. Xunto coa licenza, regúlase unha nova figura, o permiso de pesca especial, que terá un carácter temporal. Por último, establécese a creación de censos por modalidades, pesqueiras e caladoiros. No capítulo II regúlase a pesca marítima de recreo como unha actividade plenamente implantada na sociedade galega e que deberá coexistir coa pesca profesional, tendo en consideración ademais a importancia socioeconómica que ten e que alcanza co paso dos anos para as poboacións do litoral galego.
O título IV regula o marisqueo. Neste título, ao igual que acontece coa pesca marítima profesional, créase a licenza de marisqueo, distinguindo entre marisqueo a pé e marisqueo desde embarcación, cun prazo de duración de cinco anos, o que redundará nunha mellor planificación das actividades e das estruturas produtivas vinculadas ao marisqueo, ao conferir unha maior proxección temporal no exercicio da actividade. Así mesmo, regúlase a clasificación das zonas de explotación marisqueira nas que desenvolver a actividade marisqueira.
O título V regula a acuicultura mariña, co obxectivo de promover un marco xurídico e administrativo estable que facilite a implantación, o mantemento e o desenvolvemento dunha acuicultura sustentable e socieconomicamente rendible para os produtores e as poboacións costeiras do litoral galego. Para estes efectos, neste título regúlase o réxime xurídico das concesións e dos permisos de actividade, co que se establece un marco xurídico xenérico para estes títulos administrativos.
O título VI regula a frota pesqueira galega, polo que aparece por primeira vez nun texto con rango de lei este concepto. A regulación da frota está inspirada no principio de que os buques de pesca son centros de traballo e asemade é un lugar de convivencia dos profesionais, polo que se deben compaxinar as dúas características na procura dunha mellora das condicións de vida e traballo a bordo. Este principio inspirará toda a política galega na construción, a modernización e a reconversión dos buques de pesca, o que garante a sustentabilidade da frota.
O título VII regula as organizacións do sector pesqueiro galego, cun enfoque de organizacións representativas dos traballadores e dos empresarios que se dedican á actividade extractiva, transformadora ou de comercialización. Esta lei, como non podía ser doutro xeito, introduce políticas de igualdade entre homes e mulleres que se dedican á actividade regulada neste texto legal; medidas que teñen unha plasmación directa e concreta no establecemento de criterios de igualdade na configuración dos órganos de dirección das confrarías de pescadores, para lograr visualizar un colectivo de traballadoras que teñen desenvolvido ao longo dos anos un labor que en moitos casos non foi recoñecido nin tan sequera valorado na súa xusta medida. Recoñécense nesta lei outras organizacións representativas do sector e de forte implantación nos portos do litoral co fin de ampliar o abano e a participación na toma de decisións ou na emisión de opinións a todas as organizacións que forman parte da armazón de entidades asociativas, na defensa do dereito á participación e do funcionamento democrático destas estruturas.
O título VIII regula as actividades de comercialización, transformación e promoción dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura. A regulación desta materia necesariamente está orientada a conseguir unha mellora nos procesos previstos neste título, destacando a participación dos distintos subsectores neste proceso, no que cobra especial importancia a actividade dos depuradores, tanto na materia da seguranza alimentaria coma no proceso de garantir a trazabilidade dos produtos do mar, o que necesariamente se traduce nun compromiso de todos estes subsectores para lograren garantir a trazabilidade dos produtos en defensa da calidade dos recursos galegos así como a perfecta identificación, mediante distintivos de orixe e calidade, marcas ou calquera outro instrumento, dos nosos produtos para a súa distribución nos mercados, coa implantación de novas tecnoloxías e de sistemas de tratamento dos produtos.
Así mesmo, o Goberno de Galicia contribuirá a promover o desenvolvemento da actividade comercializadora das empresas galegas en condicións de igualdade e competitividade coas demais empresas.
O título IX regula a Axencia de Desenvolvemento Sustentable das Zonas de Pesca e o turismo mariñeiro. A creación desta axencia obedece á necesidade de contar cun instrumento que permita fomentar e coordinar o desenvolvemento das zonas e das poboacións pesqueiras galegas. Trátase, consonte o establecido na normativa comunitaria, de acadar un desenvolvemento integral da pesca, entendido este na súa dimensión máis ampla, tendo en conta tanto a actividade extractiva e comercializadora na que se desenvolve coma a procura das melloras necesarias na calidade de vida das poboacións pesqueiras. Para acadar este fin, cómpre establecer canles de dinamización dos axentes sociais e dos axentes económicos destas áreas da nosa comunidade autónoma para lograr as sinerxías que se dan no exercicio integral das actividades polo sector e pola poboación na que habitan.
Dentro deste título tamén se regula o turismo mariñeiro como unha serie de actividades desenvolvidas polos colectivos de profesionais do mar, que buscan, en íntima conexión co Fondo Europeo da Pesca, a diversificación e a complementariedade coa actividade principal da pesca e do marisqueo.
O título X regula a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación. No día de hoxe ninguén discute que toda política pesqueira, ou de calquera outro tipo, debe partir dun coñecemento científico sólido e na súa concepción máis ampla, incluíndo non soamente aspectos biolóxicos senón tamén aspectos tecnolóxicos, ambientais, socioeconómicos, nutricionais, sanitarios...
Conxuntamente co coñecemento científico, é necesario que este teña unha aplicación e un dimensionamento práctico ou aplicado á actividade que se investiga e que debe tender a se traducir en políticas de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, na procura dun avance nos mecanismos e nas condicións de explotación e comercialización dos produtos do mar e da acuicultura. Nesa liña, a participación do sector é non soamente fundamental senón necesaria para que a través desa colaboración ou corresponsabilidade se acaden os avances necesarios para mellorar a calidade dos produtos e das persoas que viven deles.
O título XI regula a formación. Este é un dos piares básicos de toda política. Toda mellora, todo avance, necesita para que se concrete dunha axeitada cualificación das persoas relacionadas co sector. Por iso, nesta lei preséntase como obxectivo o deseño de programas e actuacións dirixidas ás necesidades de formación que todas e cada unha das persoas que se dedican a exercer a actividade neste sector demandan, garantíndose que reciban a formación precisa para que traballen nas condicións óptimas de formación e coñecemento, contando con centros con dotacións humanas e materiais axeitadas a esta demanda social.
O título XII regula a inspección, a vixilancia e o control. Todo corpo legal leva consigo a regulación do establecemento de mecanismos de control de cumprimento da lexislación, establecendo os medios humanos e materiais necesarios para que tanto a inspección coma a vixilancia sexan eficientes e eficaces. É unha obriga das administracións, na que se debe implicar e responsabilizar o sector para que todas as actividades se desenvolvan dentro dun marco de respecto ás normas e, sobre todo, de respecto aos principios de desenvolvemento sustentable e preservación dos recursos como medio de vida das persoas que viven do mar. Partindo desta obriga, os membros da administración pública que levan a cabo este labor de inspección, vixilancia e control deben contar cun marco xurídico claro que lles permita exercer as súas funcións amparados nunhas normas e disposicións claras, obxectivo que se acada mediante o disposto no título referenciado.
O título XIII regula os rexistros. Tradicionalmente as administracións tenden a establecer obrigas de comunicación de datos e actualización destes, pero carecen de mecanismos para poder absorber dun xeito ordenado todos os datos que se presentan por parte da cidadanía. Co establecemento do disposto neste título, que conta cun artigo único, preténdese dotar dunha serie de rexistros perfectamente diferenciados e identificados, que servirán de canle de información interna da consellaría competente, e de sistema actualizado de coñecemento puntual e real da situación de todas e cada unha das actividades que se desenvolven en Galicia.
O título XIV regula o réxime sancionador e configura un marco xurídico aplicable ao incumprimento da normativa vixente. Neste título recóllese a tipificación das infraccións e sancións en materia de pesca profesional e recreativa en augas interiores, marisqueo e acuicultura que son competencias exclusivas da comunidade autónoma, e desenvólvese o réxime sancionador da lexislación básica do Estado en materia de ordenación do sector e comercialización de produtos pesqueiros. Así mesmo, faise unha referencia á normativa vixente en materia de procedemento co fin de non sobrecargar excesivamente este título, que se rexe neste caso pola normativa aplicable en materia de procedemento sancionador e do réxime xurídico das administracións públicas.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de pesca de Galicia.