Rescatar El, de Louise Colet, supón sacar do esquecemento unha escritora prolífica reducida ao papel de musa e vítima da misoxinia da época. Publicada en 1859, e un ano despois en volume, a obra contou cun grande éxito, por vir asinada pola amante de Flaubert e por ser un relato en clave cunha visión diferente da recollida ese mesmo ano por George Sand en Elle et lui –recreación da súa relación con Alfred de Musset– e por Paul de Musset en Lui et elle, unha defensa irada da figura de Musset por parte do seu irmán.
A marquesa Stéphanie de Rostan, dous anos despois da morte do famoso poeta Albert de Lincel, rememora o tempo que compartiu con el. Viúva e nai dun neno, gaña a vida escribindo e traducindo, ante a indiferenza do seu amante Léonce, un escritor solitario que vive retirado e co que mantén unha prolífica comunicación epistolar. Léonce anímaa nas cartas a coñecer a Albert, alcohólico, enfermo e amargado, e este cóntalle a súa desventurada historia de amor coa tamén escritora Antonia Back, que o arrastrou á miseria e a unha vida de excesos.
Colet combina a narración da marquesa co relato inserido na voz do poeta, o cal lle serve para analizar a psicoloxía de homes e mulleres, e concluír a incompatibilidade que resulta das súas diferenzas intelectuais e sensuais. Seguindo as tendencias na época, a novela mestura a trama romántica co desexo de arranxar contas persoais, e constitúe unha mostra anticipada da literatura do eu e a posta en práctica do criterio da sinceridade na arte defendido pola autora.
Louise Révoil de Servannes naceu en Aix-en-Provence en 1810. Á morte do pai, instálase cuns parentes en Servanes, onde castelo, ruínas e paisaxe inflúen na eclosión da súa sensibilidade poética. Aos 25 anos, casa co músico Hippolyte Colet –do que se separa en 1847– e marcha a París. A súa relación amorosa con Flaubert, que se prolongou máis de nove anos, aínda que de xeito descontinuo, reduciuna a ocupar o papel de musa. Porén, foi unha escritora prolífica que cultivou todos os xéneros e frecuentou os persoeiros máis destacados da época, grazas ao salón que mantivo.
Na súa produción poética cultiva dende a elexía íntima até o contido social, en volumes como Fleurs du midi (1836), Penserosa (1839), Le Monument de Molière (1843) ou L’Acropole d’Athènes (1854). Na narrativa, salientan as súas novelas, en parte autobiográficas, Une Histoire de soldat (1856) e Un drame dans la rue de Rivoli (1857); así como relatos (Les Cœurs brisés, 1843), estudos de costumes (Les derniers marquis, 1866); narracións de viaxes (Les Pays lumineux, 1879). Foi así mesmo biógrafa de Goethe, Napoleón, Mirabeau, Madame du Châtelet ou Klementyna Hoffmanowa. Practicou o ensaio sociolóxico e histórico (L’Italie des Italiens, 1862), a pescuda política (La Vérité sur l’anarchie des esprits en France, 1873). No eido da tradución, destaca o seu labor como tradutora de Shakespeare; no da edición, os volumes coas cartas de Béranger e coas de Benjamin Constant a Madame Récamier. En Mémentos relata a loita para vivir de forma independente e tratar de acadar recoñecemento no mundo masculino das letras.
Viaxeira, culta, comprometida, feminista, republicana e anticlerical, morre en 1876, na miseria, esquecida por aqueles que anos antes frecuentaban o seu salón e buscaban os seus favores.

OPINIÓN
Novo froito do encomiable labor de Hugin e Munin por traer ao galego clásicos escritos por mulleres, neste caso, un dos libros que no seu tempo foron máis polémicos, primeiro pola relación que a autora mantivera coa gran pluma das letras francesas, Gustav Flaubert, e polo que tiña de axuste de contas esta obra, na que as personalidades reais se camuflan en nomes ficticios, mais doadamente recoñecibles para os seus contemporáneos. O meu consello é ler esta novela sen morbo ningún, interesándonos polo que de testemuño ten unha obra publicada orixinalmente no 1859 e que, curiosamente, conecta con tendencias actuais relativas á presenza do eu na ficción e ao desenvolvemento emocional desde unha óptica feminina.
César Lorenzo Gil. Biosbardia
_____
Editorial: Hugin e Munin 12-2023
Idioma: Galego