Centos, por non dicir miles se se teñen en conta aqueles países onde houbo movemento surrealista, foron as declaracións colectivas do surrealismo.
Declaracións sobre todos os aspectos da vida cotiá, da política á cultura, da moda aos costumes.
Ao non ser o surrealismo un movemento literario de vangarda no sentido clásico do termo, a súa actividade, a través da súa vontade de “transformar o mundo” (Marx) e de “cambiar a vida” (Rimbaud), integra unha verdadeira dimensión política. Por iso, todas e cada unha das declaracións colectivas surrealistas, sobre literatura, sobre pintura, ou directamente política, contra o colonialismo, o fascismo, o stalinismo, a relixión ou a favor da obxección de conciencia, son declaracións directamente políticas.
Centrándose unicamente no Grupo de París do movemento surrealista, e nos anos que van de 1924 a 1968, Ecos da batalla cotiá. Declaracións políticas surrealistas agrupa un total de trinta e cinco intervencións especificamente políticas do surrealismo, ao tempo que se contextualiza histórica e mesmo, ás veces, literariamente cada unha destas declaracións.
O presente volume acaba sendo tanto unha historia das vicisitudes da política no interior do Grupo de París do movemento surrealista como unha historia política da revolución surrealista. Unha revolución poética, imaxinativa e efectiva que se enfronta á sociedade burguesa e capitalista e acaba enfrontándose á outra revolución, prosaica, curtamente política e, talvez, inencontrábel.
_____
Editorial: Laiovento 2004
Idioma: Galego