Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

COMO CHEGA O SAL O MAR

€15,00
ISBN 9788412807547

Como chega o sal ao mar, a primeira e máis coñecida novela de Brigitte Schwaiger, publicouse orixinalmente en 1977 e converteuse decontado nun incontestable éxito editorial. Vendeu case medio millón de exemplares no conxunto de territorios xermanófonos e alzouse como unha das dez novelas en lingua alemá con mellor acollida internacional no século XX grazas ás traducións publicadas en máis de quince idiomas.

A obra conta en primeira persoa a historia dunha muller nova, sen nome, a quen a monotonía da existencia cotiá a canda Rolf, o seu controlador marido, fai caer na desesperanza. Malia os seus intentos iniciais de se adaptar ás convencións sociais, deseguida repara no asoballamento e a violencia aos que se ve sometida e trata de remedialos dende a transgresión. A reinvención que a protagonista acomete irá acompañada de interesantes análises de situacións concretas do pasado, onde non sempre nin ela nin os seus seres queridos saen ben parados.

As expectativas frustradas da protagonista sobre a vida conxugal, descritas con inusitada crueza, os temas tanxenciais que aborda (o provincianismo burgués, o casoiro temperán, o aborto, a depresión, a infidelidade…), o carácter autobiográfico da historia, o cariz punzante e anovador da escrita e o dominio técnico á hora de representar o fluxo da mente da narradora son algunhas das razóns que apuntalan a calidade e o atractivo do relato.

TRADUTOR/A: Rosa Marta Gómez Pato

Brigitte Schwaiger

Brigitte Schwaiger naceu en 1949 na pequena localidade de Freistadt, en Alta Austria. Foi unha das catro fillas da parella formada por un médico e unha enfermeira reconvertida en ama de casa. Tras rematar o bacharelato na súa vila natal, marchou estudar Psicoloxía, Xermanística e Románicas á capital, aínda que só durante un ano (máis tarde, xa por libre, formaríase en Historia e Filosofía). Foi así porque casou moi cedo, en 1968, cun funcionario español, co cal se trasladaría primeiro a Madrid e logo a Mallorca. Así a todo, a parella acabaría divorciándose ao cabo dun lustro escaso. A raíz desa ruptura definitiva, Schwaiger tornou a Viena, onde traballaría como asistenta de produción da ORF, a compañía pública austríaca de radiodifusión.

Dende 1975, dedicouse a pintar, esculpir e escribir, e só dous anos máis tarde, en 1977, acadou, de maneira un tanto inesperada, unha enorme popularidade grazas precisamente a esta novela, que nunca conseguiría igualar. Con todo e iso, son tamén obras de interese as dúas que viñeron xusto a continuación, isto é, Mein spanisches Dorf (1978) e Lange Abwesenheit (1980); así como Schönes Licht (1990), unha sátira do mundo
literario, e mais a súa última publicación, Fallen lassen (2006), un relato amargo ao redor da psiquiatría e da súa propia experiencia coa enfermidade mental.

En xullo de 2010, aos sesenta e un anos de idade, Brigitte Schwaiger suicidouse en Viena, ao se guindar ás augas do Danubio.

 

_____

Editorial: Hugin e Munin 07-2024
Idioma: Galego