A saúde de Michka, unha muller independente e culta, reséntese, polo que xa non pode vivir soa e ingresa nunha residencia da terceira idade. A afasia que padece fai que confunda as palabras e se perda seguido nas conversas; amais, as súas noites énchense de pesadelos nos que recibe reproches pola súa repentina vulnerabilidade. Tanto Marie, a súa veciña, coma Jérôme, o logopedista que a asiste, poñen o seu gran de area para que a anciá deixe de sufrir polo que considera unha débeda moral relacionada cun momento clave do seu pasado.
As voces de Marie e Jérôme debullan os últimos meses de vida da protagonista. Dende as primeiras páxinas, esta conmovedora novela interpela o lector e convídao a reflexionar sobre a vellez, a dependencia, a angustia, a deterioración imparable e a empatía. Como revela o título, a gratitude ocupa un lugar central: a de Marie cara á persoa que permitiu que se convertese na muller que é; e a de Michka, cuxo maior desexo é localizar as persoas que lle salvaron a vida.
A palabra é así mesmo crucial na construción da historia, tanto pola sobriedade e a depuración estilística que caracterizan o relato coma polos dramáticos e por veces humorísticos lapsus de Michka, que revelan dun xeito doloroso a perda paulatina da facultade de se comunicar para quen foi –ironías da vida– unha traballadora das palabras.
Delphine de Vigan naceu en Boulogne-Billancourt en 1966. Formouse primeiro na súa vila natal e máis tarde no departamento de Orne, en Normandía, onde se trasladou coa irmá e co pai despois de que a nai quedase hospitalizada nun centro psiquiátrico. Malia ver truncada a súa traxectoria académica pola anorexia nerviosa que padeceu na adolescencia, acabou estudando no Centro de Estudos Literarios e Científicos Aplicados, vinculado á Universidade da Sorbona, para logo traballar no eido das sondaxes de opinión.
O relato autobiográfico Jours sans faim (2001), asinado co pseudónimo Lou Delvig, supuxo a súa estrea literaria. A súa identidade revelouse en 2005 coa publicación de Un soir de décembre, á cal seguirían Sous le manteau e mais No et moi (ambas de 2008), esta última un éxito de vendas en Francia, o que a levou a ser adaptada ao cinema. A partir de entón De Vigan converteuse en escritora profesional. A proxección internacional chegoulle con Rien ne s’oppose à la nuit (2011), centrada na reconstrución da figura da súa nai e do trastorno bipolar que sufría. Tras ela viñeron D’après une histoire vraie (2015), adaptada ao cinema en 2017 por Roman Polanski; Les Loyautés (2018), As gratitudes (2019) ou Les enfants sont rois (2021), arredor dos nenos expostos ás redes sociais. As súas ficcións, traducidas a máis de vinte linguas, adoitan alimentarse de experiencias persoais e presentan personaxes complexos co propósito de acceder a temas universais a través do íntimo.
Amais de ser unha das escritoras francesas máis recoñecidas na actualidade, fixo incursións no mundo do cinema; así, participou na escrita de guións, como Tu seras mon fils (2011) ou Damoclès (2016), e en 2014 dirixiu o seu primeiro filme: À coup sûr.
.....
Hugin e Munin é unha das varias editoriais galegas especializadas en tradución, principalmente narrativa. Amais de incorporar clásicos á biblioteca galega tamén publica novelas actuais, algunhas de moito éxito na súa lingua orixinal, caso d’As gratitudes, de Delphine de Vigan, autora francesa que podemos etiquetar —con todas as prevencións— na categoría de novelista literaria-comercial. Varias das súas obras foron adaptadas ao cinema.
Esta novela, traducida ao galego por Xavier Senín —tamén é el o encargado das poucas notas que acompañan o texto—, conta a historia de Michka, unha correctora editorial retirada que empeza a sufrir afasia, é dicir, un trastorno polo que confunde as palabras que debe usar en cada caso. Como está soa, a súa amiga e veciña Marie, convéncea de que vaia vivir nunha residencia. Alí Michka coñecerá a Jérôme, un logopedista que lle vai axudar a sobrelevar o trastorno. A historia, que podemos definir como novela curta de corte realista, está narrada unhas veces por Marie, unhas veces por Jérôme, aínda que tamén hai fragmentos que se corresponden con soños da protagonista.
As gratitudes é unha obra ben escrita, que finca case todo o seu valor literario na construción da personaxe de Michka, non a través dun retrato psicolóxico, senón mediante a relación dela coa linguaxe. De Vigan constrúe practicamente toda a novela mediante diálogos. Diálogos que non renuncian ao seu valor fático, pero que conseguen a súa orixinalidade mediante esas palabras “incorrectas” que a protagonista vai introducindo. Neste sentido, o tradutor tivo que “inventar” esas palabras substitutas, para que garden semellanza coas “apropiadas” (descordo por de acordo; trazas por grazas…). Este recurso, moi ben administrado pola autora, consegue dous obxectivos: Por unha banda, nunca afasta do centro da narración o trastorno de Michka, obriga o lector a estar atento ao que di, porque entre as trivialidades e anécdotas, a protagonista ten unha historia traumática que viviu na infancia, unha especie de ferida aberta que os narradores van axudala a pechar. E por outra, eses xogos de palabras, como leva ocorrendo na literatura desde que existe, son puntiños de humor, mais tamén unha expresión pura de como a arte se basea no cruzamento de forma e fondo, de significado real e figurado das palabras.
Esa economía de medios de toda a novela non a fai lacónica ou fragmentaria. Ben ao contrario, a autora francesa demostra como se pode contar unha historia completa en poucas páxinas. Á parte do ben medido dos diálogos, De Vigan apenas gasta pólvora expresiva no envoltorio “do literario”. Apenas hai metáforas ou descricións. A beleza non procede dos recursos que emprega, senón dos que aforra. Quizais noutro tipo de novela cumpriría maior abrigo, pero nesta sinxela historia sobre os sentimentos, o eficaz é a liña clara e concisa.
Quizais o peor da novela sexa a inercia da historia no final: esas liñas paralelas entre os personaxes que parece que van deixar de selo unha vez rematado o tempo da novela. Paréceme unha ofrenda comercial (o final balsámico) que edulcora un tantiño o eixo da obra.
Tampouco acaba de encaixar ben o universo onírico que describe De Vigan para Michka. Usar soños na literatura sempre é un risco, pero cando eses soños se manipulan desde a voz narrativa para que sirvan de contraste coa realidade ou vehiculen dun xeito algo basto os medos da protagonista, case sempre frustran as expectativas do lector. No caso dunha novela tan dialogada, quizais sería mellor que a protagonista usase o estilo indirecto para contar esas escenas de pesadelo (de feito, faino ás veces, o que provoca a reiteración).
As gratitudes é, en definitiva, unha novela ideal para quen queira pasar un tempo breve cunha historia actual e recoñecible. Unha pequena bocada á nostalxia, á esperanza, ás contas pendentes co noso pasado e á necesidade de adaptarnos ao que nos toca na vida. Un abano temático ben construído onde, aínda así, o realmente importante é o xeito de narrar.
César Lorenzo Gil. Biosbardia
____
Editorial: Hugin e Munin 06-2023
Idioma: Galego