Ana Romani levaba unha década sen publicar un poemario pero a espera pagou a pena porque A desvértebra supón un xiro revelador na súa obra e descubre novas vertentes e expresións dunha poeta que xa é, en por si, unha das voces máis admiradas da poesía galega contemporánea. Estamos ante un libro que imbrica a trascendencia co humor, a postura de radicalidade ética coa máis fina ironía ata conseguir un dos títulos máis relevantes que se publicaron en Galicia nos últimos anos.
O libro chega acompañado dunha experiencia singular que a poeta desenvolve xunto a Chus Silva, músico e integrante do proxecto de electrónica musical Aparato, co que traballou nos últimos anos. Xuntos estrearon xa o pasado ano a peza “2% un recital para esquecer” no Festival Alguén que respira, do que forman parte como creadores de espazos sonoros.
A desvértebra é un territorio literario, xeográfico e político que Ana Romaní cartografía co rigoroso instrumental do poema, convertido aquí na substancia dun corpo común, social, inmobilizado, pero tamén nun exercicio liberador de ironía e irreverencia paródica. En A desvértebra todo semella estar a caer e nese abismo conflúen tempos e espazos. Os seus exhaustos organismos, sometidos ao escrutinio, ao control, á disección, á disciplina, aos mecanismos diarios da vixilancia, explotación e espolio, parecen subsistir nos ámbitos sitiados por unha autoridade que se arma nos discursos, con estratexias despregadas no emocional, no intelectual e no físico. E aínda na crueldade táctica disciplinaria e nos espazos cotiáns onde se manifesta tentacular ese dominio, Ana Romaní fai emerxer orografías imprevistas, outras formas da materia vibrante, acaso a vida.
____
Editorial: Chan da PólvoraIdioma: Galego