Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

A CONFESIÓN DE LÚCIO

€9,00
ISBN WP2275
A confesión de Lúcio (1914) ocupa un lugar de honra na moderna literatura portuguesa. Profundamente subxectiva e lírica, afástase dos modelos realistas e románticos de comezos do século XX, achegándose ás experiencias simbolistas que diluirían as fronteiras entre a prosa e a poesía e a trazos como o sentido estético da vida, o gozo desenfreado dos apetitos sensuais e o tedio existencial.

Sá-Carneiro evoca o seus tempos de xuventude no París de 1895, con múltiples referencias ao seu vadiar pola cidade, ao tempo que aborda tres das súas teimas: o suicidio, o amor fóra dos parámetros convencionais e lindeiro coa perversión, e mais a confusa percepción do real, por momentos achegada á loucura. A enigmática caracterización dos personaxes reforza a idea da fragmentación do suxeito, leitmotiv da historia, visible nun conxunto de experiencias próximas ao delirio e ao frenesí sensorial.A obra foi concibida cos códigos da novela fantástica, onde a trama xira arredor dun triángulo amoroso e do seu fatídico desenlace. O narrador, Lúcio Vaz, reafirma dende as páxinas iniciais a súa condición de cronista duns feitos inverosímiles. A confesión de Lúcio é unha obra aberta á interpretación, pois afonda en universos tan ambiguos e enigmáticos como o dandismo a xeito de actitude que repudia o sistema de valores da sociedade burguesa; a androxinia, un sofisticado homoerotismo, se cadra mesmo o travestismo, como reflexo dunha complexa sexualidade.

____