No barrio do antigo porto hai un bar que nunca pecha.
Chámase O Peculiar… e dentro del atoparás:
- un pirata coxo que loitou contra icebergs
- unha nai con cinco xemelgos rebuldeiros
- dous inimigos que se adoran
- unha avoa que todo o xulga
- e moitos personaxes máis!
Para Comba, O Peculiar é o centro do mundo e os seus clientes, unha extensión da súa familia… ata que, de súpeto, morre o avó e chega o tío Balbino cun can anano e unha maleta cargada de plans.
Poderán Comba e os extravagantes clientes do bar deter a modernidade que ameaza con borrar para sempre a esencia do Peculiar?
Un libro cheo de humor e aventura sobre unha nena, un bar e os seus clientes e todo o que pode pasar cando o que máis queres está a piques de desaparecer.
Érica Esmorís (A Coruña, 1977) nunca tivo un bar, aínda que estivo en moitos.
Gústanlle as historias, e as dos bares darían para encher os andeis de todas as bibliotecas de Galicia.
Ás veces quéixase: gustaríalle escribir nunha das súas mesas coxas dun bar, pero precisa do silencio máis absoluto e do cariño caprichoso dos seus gatos Luigi e Molly.
Desde o seu escritorio escribiu moitas historias (moitísimas!) e leva publicados doce libros en editoriais como Cuarto de Inverno, Xerais, Edelvives, Anaya, Galaxia e Sushi Books. Ten algún premio e sabe que é afortunada: ao cabo, fai o que quere.
Cando a vida dá un respiro, baixa a reixa e brinda cun café por quen a acompaña nas páxinas e, sobre todo, fóra delas.
Dani Padrón (Ourense, 1983) estudou Arquitectura na Escola Técnica Superior da Coruña. Tras un breve contacto cos mundos da caricatura e da banda deseñada inicia o seu percorrido na ilustración infantil e xuvenil no ano 2011 co premio de ilustración Pura e Dora Vázquez. Desde entón, ilustrou máis de cincuenta libros e participou en exposicións colectivas.
Ten recibido outros premios como o Isaac Díaz Pardo (2014) e o International Latino Book Award (2016) na categoría de libro infantil. Tamén participou na Bienal de Bratislava 2015.
_____
Editorial: Cuarto de inverno 2025
Idioma: Galego
Páxinas: 104
INFANTIL