Olivier lembra a partida do Call of Duty ao entrar no estadio. É enorme. Non pode crelo! Vai asistir en directo a un partido do Mundial para ver a Mbappé! A algúns quilómetros de alí, nun barracón ás escuras, Denis, namentres as súas compañeiras dormen, escribe á luz da candea unha carta para seu irmán Moses. Poderán volver algún día a Uganda sen caer nas mans das bestas do LRA? Salman percorreu o deserto en autobús e agora mira en fite ese feixe de cartas. Farán un bo lume. Aluma, a estrela mundial do reggaeton, ensaia o seu novo hit antes da gran final. Mentres tanto, súa noiva Ann Drolla Ice fai globos coa goma de mascar mirando o teito. Amira camiña cara á universidade. Sabe que non hai moito tempo, pero a revolución non agarda. É o momento. Os fíos da esperanza e o medo entretécense nas historias desta xeografía dos afectos, como a calixe do deserto. Acompáñasnos?
Lois Pérez (Lugo, 1979) é mestre do ensino público, contador de historias, poeta e escritor.
No eido da dramaturxia, gañou en 2008 o Premio de Teatro Radiofónico da Radio Galega con Saltimbanqui (Xerais, 2008), dirixida e adaptada por Quico Cadaval.
No eido da literatura xuvenil, con A gruta da torre (Xerais, 2022), obtivo o V Premio Agustín Fernández Paz 2021 de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade.
Acadou o Premio Raíña Lupa 2022 de literatura xuvenil pola novela A tribo do mar (Xerais, 2023).
Como poeta, publicou LP (2013) e Long Play (2017), e conseguiu o Premio aRi[t]mar ao mellor poema editado en Galicia nese ano por «Blues do rei Bergman=B.B. King». Xunto á fotógrafa Alba Díaz deu ao prelo Lugo Philadelphia (Xerais, 2023), libro de poesía e fotografía.
Gañou o Premio María Victoria Moreno 2023 convocado polo Concello de Pontevedra coa novela Cartas na escuridade (Cuarto de Inverno).
No eido do xornalismo, fíxose co Premio Johan Carballeira do Concello de Bueu (2023).
____
Editorial: Cuarto de inverno 2025
Idioma: Galego
Páxinas: 256
XUVENIL