Un divertido álbum repleto de situacións disparatadas, xogos de palabras e rimas delirantes co que imaxinar a historia dun particular grupo de rock.
As lectoras e os lectores que ficaron engaiolados coas rimas encadeadas, co humor e cos orixinais personaxes de «Un dous tres, que ves?», «Un dous tres, vampiro ti es» e «Un dous tres, Nadal é», seguirán gozando desta nova obra de Nadia Budde. «A banda que ninguén coñece» destaca polo seu ritmo trepidante e o dinamismo das súas páxinas, nas que acontecen divertidas situacións protagonizadas por uns músicos pintorescos, estrafalarios e nada convencionais, tanto polo seu aspecto como polos instrumentos que tocan.
Trátase dunha historia de crecemento e recoñecemento cunha estrutura que, no plano narrativo, se apoia nas rimas, nas repeticións e nos xogos de palabras. Trala chegada do grupo nunha furgoneta, descríbense as calidades físicas e a indumentaria de cada intérprete. Paralelamente, vaise incrementando o público que observa a presentación. Co inicio do concerto, a atención céntrase nos bailes duns espectadores entusiasmados e no ambiente festivo, que parece rematar cando finaliza o espectáculo.Lonxe de asustar, os seres de aspecto monstruoso que habitan neste rocambolesco relato suscitan simpatía e curiosidade. As ilustracións son de trazos grosos e deliberadamente imperfectos, con volumes irregulares, cores planas e intensas, nas que se aprecian elementos gráficos —a división das páxinas, os signos cinéticos e acústicos…— próximos á estética do cómic.
Hernández Sevillano, David (Segovia, 1977)
Licenciado en Educación Física, foi na Universidade onde iniciou a súa traxectoria literaria. Dende 2009 publicou máis dunha vintena de libros de poesía para adultos e de literatura infantil. Recibiu recoñecementos tan prestixiosos como o Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández 2009, o XXV Premio de Poesía Hiperión 2010, o Premio Xaén de Poesía 2012, o Premio Valencia de Poesía 2017, o XVIII Premio Emilio Alarcos de Poesía 2019 e o Premio Lazarillo de Creación Literaria 2020. Tamén imparte obradoiros de poesía infantil e de animación á lectura, ademais de realizar sesións de narración.
Estrada, Alejandra (Medellín, Colombia, 1982)
Estudou Artes Plásticas e licenciouse en Estética pola Universidade Nacional de Colombia. Traballa como ilustradora, deseñadora, directora de arte e coordinadora de proxectos editoriais. Tamén se dedicou á animación para documentais e ao comisariado de exposicións. Publicou varios libros para editoriais de Colombia, México e España. Entre as distincións recibidas destaca a mención honorífica no XX Premio Internacional do Libro Ilustrado Infantil e Xuvenil da Secretaría de Cultura de México (Conaculta) 2015, foi finalista do Premio Cuatrogatos e recibiu unha mención do IX Premio Internacional Compostela. Dirixe o xornal rural colombiano Monteadentro.
____
Editorial: Kalandraka 06-2025
Idioma: Galego
pÁXINAS: 40
INFANTIL
A PARTIR DE 5 ANOS