Un rato díxolle á lúa é a caixa dos tesouros da poesía de Antonio García Teijeiro. Dentro dela gárdase a esencia dos seus versos, a apócema máxica coa que, en palabras de Fran Alonso, «a lúa imprimiu neles un sabor antigo, un sabor de berce, un sabor sincero que se nos mete dentro».
Idioma: Gallego
García Teijeiro atesoura no seu haber 25 anos escribindo poesía infantil. Desde a publicación de Nenos (1988), os seus versos enredan nos beizos dos lectores e lectoras, «divertidos, lúdicos, pero tamén facéndonos sentir, e pensar, turrando de nós cos seus ventos de ideas e emocións brincadeiras». Un rato díxolle á lúa espreme, antologados por Fran Alonso, eses 25 anos de poesía infantil. «Simpáticos, fermosos, divertidos, sensibles, punzantes, libres, salgados, máxicos, outonizos, perennes», estes poemas transmiten emoción, beleza e solidariedade. Ilustrada por Xosé Cobas e musicada por Paco Ibáñez (nun CD que se acompaña), a poesía de Antonio García Teijeiro agroma cunha enorme forza natural, chea de vida, de luz e de musicalidade.
____
Editorial: XeraisIdioma: Gallego