Ir a contenido
Gastos de envío 3,50€! 📦
Gastos de envío 3,50€! 📦

SCHLUMPF, ERWIN: HOMICIDIO

€14,95
ISBN 9788484876199

O sarxento Studer é unha persoa entrañábel, a quen é moi fácil collerlle cariño, un home moi da súa época, para ben e para mal, pero tamén un tipo especial: pachorrento, listo, dunha peza. Adoita traballar só, detesta a burocracia e empatiza cos personaxes marxinais con quen se atopa. É un home rexido pola ética da compaixón. En Suíza chegou a ser extremadamente popular.

Schlumpf, Erwin: Homicidio, publicada en 1936, é a primeira das cinco novelas que protagoniza Studer. Nela xa queda moi ben presentada a poderosa figura do sarxento, cuxas aventuras nos van revelando unha Suíza descoñecida, moi afastada do tópico do chocolate, o queixo e os reloxos.

Esta novela considérase a fundadora da tradición da novela policial en alemán. Isto explica que o premio de novela negra máis prestixioso do mundo xermanófono leve o nome de Friedrich Glauser. Sen o sarxento Studer non se pode escribir a historia da novela de detectives.

En 2021, o xurado do XIX Premio Plácido Castro resolveu galardoar este libro. Os membros do xurado valoraron especialmente «a moi elevada calidade desta tradución, que mostra unha gran fluidez e dominio tanto do alemán como do galego», e tamén «o recurso ás notas a pé de páxina que axudan a contextualizar a obra».

Friedrich Glauser

O suízo Friedrich Glauser naceu en 1896. Foi un toxicómano incapacitado e endebedado de por vida, infrinxiu a lei repetidamente e tivo a miúdo comportamentos de dubidosa moralidade. Por mor diso estivo internado durante anos en institucións psiquiátricas e intentou suicidarse en varias ocasións. Enrolouse na Lexión Estranxeira e exerceu os máis inverosímiles oficios. Finou novo.

Glauser non foi un suízo arquetípico, nin foi un home feliz. Tiña unha vocación literaria invencíbel, pero só viu dúas novelas publicadas ao longo da súa errática vida. A primeira foi Schlumpf, Erwin: Homicidio. Glauser levaba máis de vinte anos escribindo contos, poemas, ensaios e recensións, pero non coñeceu o éxito até dous anos antes de morrer en Italia. O sarxento Studer é a súa gran creación

 

____

Editorial: Laiovento 03-2023
Idioma: Galego