PROBLEMÁTICA NACIONAL E COLONIALISMO. O CASO GALEGO.
Problemática nacional e colonialismo. O caso galego, publicado en 1978, veu sintetizar a análise da cuestión nacional desde unha perspectiva marxista e aplicada á realidade galega. Como todas as grandes obras, é fillo do seu tempo, mais tamén absolutamente vigorante. Nun momento de forte debate sobre reforma ou ruptura e a necesidade dun proceso constituínte galego propio, virou logo nun referente teórico da posición de ruptura democrática e defensa da soberanía do nacionalismo galego e nunha peza fundamental de formación política para millares de persoas. Consta que, esgotada a única edición, circulou en fotocopias e en formato PDF. Non hai mellor proba de que continúa a ser un libro vixente e necesario. Quen se quixer achegar a un “concepto histórico e anti-esencialista” de nación, á explicación da inserción dependente da Galiza no sistema capitalista do Estado español ou a unha visión dialéctica do dereito de autodeterminación ten neste libro a chave para facelo.
Prefacio de Francisco Rodríguez
Ollar o pasado, coa inevitábel mirada retrospectiva, cando hai máis de corenta anos de distancia, leva a comprobar a coherencia dunha liña política e a adecuación, para a análise da realidade, do seu sustento filosófico e ideolóxico. No noso caso, a realidade dunha nación sen Estado que se chama Galiza. Tamén serve para nos decatar de canto e como mudou a situación, a natureza desas mudanzas e a súa orientación, ou non, conforme ao desexado e procurado. Finalmente, é un exercicio de lembranza da dialéctica social e política vivida, do debate e da confrontación de ideas e alternativas que entón se producían, con que instrumentos, con que medios, con que vigor social, por que motivos. Resulta inevitábel facelo desde o contraste da situación e do estado anímico, dos debates do presente e dos obxectivos de futuro, do movemento nacionalista galego de hoxe. Queremos dicir que, se este libro, Problemática nacional e colonialismo. O caso galego (1978), se reedita agora, corenta e catro anos máis tarde da súa primeira edición, malia as súas limitacións e imperfeccións, é porque pode resultar aínda útil. Segue a ser sintomático e orientador nunha etapa histórica que está lonxe de ter rematado ou terse superado nun sentido liberador no que afecta á nosa situación como pobo ou nación. Para alén, amosa a perspectiva analítica dun nacionalismo non só compatíbel co marxismo, senón que tivo e ten nesta filosofía, depurada dos seus lastres eurocéntricos e dos seus dogmatismos catequéticos, unha arma metodolóxica e filosófica eficaz para a comprensión da cuestión nacional en contextos coloniais. Referímonos aos pobos ou nacións sen Estado que sofren unha dependencia obxectivamente colonial. Nestes contextos, a problemática de clase vai intrinsecamente vencellada a esa dependencia, de maneira que, obxectivamente, necesita tomar esa forma nacional para desenvolver a súa potencialidade e acadar obxectivos realmente liberadores. Non haberá liberación da nación sen estar ao servizo das súas maiorías sociais traballadoras; non haberá liberación real destas sen identificación coa súa nación e auto-organización soberana conforme ao marco nacional.
Se este libro, Problemática nacional e colonialismo. O caso galego (1978), se reedita agora, corenta e catro anos máis tarde da súa primeira edición, malia as súas limitacións e imperfeccións, é porque pode resultar aínda útil.
A primeira imaxe que me vén á cabeza, pensando neste libro, é a de dous amigos e correlixionarios, sentados arredor dunha mesa, e unha máquina de escribir. Un, Ramón López-Suevos, a persoa con maior coñecemento e asimilación crítica dos clásicos do marxismo que eu coñecín, e, pola súa propia especialidade profesional, das escolas económicas del derivadas, en especial das análises do fenómeno do imperialismo (Sweezy, Baran) e da cuestión nacional. El vai enunciando ideas e propostas. Eu acompáñoo coas miñas, resolvendo en sínteses. De común acordo, o discurso vai fluíndo para ser recollido por escrito a máquina por Suevos, dotado de maior pericia dactilográfica. Teño a impresión de que nos servía de desafogo ou remedio á nosa ansiedade. Eran tempos moi axitados, conflitivos e algo angustiosos. Estaba a producirse a transición entre o franquismo e o actual réxime de monarquía parlamentaria, con todo atado e ben atado. Malia o moito avanzado nos anos anteriores, o nacionalismo non contaba cunha introdución social dabondo suficiente e consolidada, embora tivese unha capacidade de mobilización potente.
Dábase continuidade a un Estado unitario, de nación única española, . Facíase do exército o garante desa unidade. Excluíase o dereito de autodeterminación e optábase por un modelo social e económico de fundamento capitalista.
O que estabamos a escribir non era máis que o reflexo teórico, organizado sistematicamente, do substrato filosófico-político que animaba e fundamentaba a nosa acción social, o debate político, a confrontación cos que negaban a existencia da Galiza como nación e os seus dereitos como pobo, nun momento crucial. Estaba a instaurarse, de forma pactada e controlada, sen proceso constituínte algún, un réxime constitucional, en forma de monarquía parlamentaria, que negaba a existencia de pobos diferenciados no Estado español. Dábase continuidade a un Estado unitario, de nación única española, . Facíase do exército o garante desa unidade. Excluíase o dereito de autodeterminación e optábase por un modelo social e económico de fundamento capitalista. Por se fose pouco, excluíase a laicidade do Estado e abríase a porta á subvención a servizos públicos privados como o ensino. Non se contentaron con defender esta saída que cualificaron de democrática, pretenderon e premeron para que a sociedade interiorizase que estar en contra dela era estar contra a democracia, e mesmo ser terrorista. Foi aínda máis grave o feito de no seo das clases traballadoras se encargar a esquerda de ámbito estatal de popularizar e lexitimar esta opinión. Semellante dialéctica provocou que a confrontación social, no caso galego, entre o nacionalismo e a esquerda española, xa manifesta nos últimos anos do franquismo, se fixese aínda máis punxente, pois se reduplicou o reforzo a favor do modelo de democracia controlada coa colaboración dos medios de comunicación públicos e privados dominantes e os poderes fácticos. Non era unha sorpresa. Víase vir, porén, sempre a realidade da experiencia supera o que son análises previas teóricas.
En todo caso, non era cuestión por iso de desertar do que constituían os principios básicos da nosa razón de ser. Conviña, precisamente entón, dunha forma sistemática, expresalos por escrito.
O nacionalismo galego que encarnaba entón as siglas BNPG, Bloque Nacional Popular Galego, recurso derivado de non estaren legalizados nin a UPG nin a ANPG na altura de xuño de 1977, cando se celebraron as primeiras eleccións ditas democráticas, dispúxose a manter o seu ideario político e as súas aspiracións nunha situación de hostilidade extrema. De facto aquí demonizábase ser nacionalista activo. A hostilidade oficial e sistémica contra os discrepantes nacionalista non se contentaba cona marxinación. O control informativo e a discriminación por motivos ideolóxicos resultaban descarados. Foron tempos especialmente duros entre 1977 e 1985, marcados mesmo por reconducións involutivas (secuelas do amago de golpe de Estado controlado, ingreso na OTAN, férreo control externo da dinámica política na Galiza a través dos peóns intermediarios, experimentación, por vez primeira, de medidas anti-democráticas no Parlamento Galego – expulsión dos deputados nacionalistas por se negaren a xurar fidelidade á Constitución Española…). Cando estabamos a redixir este libro detectábamos xa o que nos viña enriba. Non porque antes as penurias, calamidades, limitacións e represións contra o nacionalismo non fosen de calado, pois dun réxime ditatorial se trataba, senón precisamente porque ventábamos que moitas non desaparecerían e mesmo algunhas ían sofisticarse e complicarse coa nova lexitimidade social, embora desaparecesen outras. En todo caso, non era cuestión por iso de desertar do que constituían os principios básicos da nosa razón de ser. Conviña, precisamente entón, dunha forma sistemática, expresalos por escrito. Cando mirei a imaxe que se elaborou para a súa portada, pareceume antolóxica, por verídica e atrevida, non acovardada. Unha morea de labregos, entón aínda a clase traballadora máis numerosa do país, tapados os seus ollos por unha bandeira española. Nada máis sintomático, suxestivo e explosivo. Nada, máis real. Reflectía unha das causas do problema que nos afoga aínda hoxe, corenta e catro anos máis tarde. Estamos inmersos nunha histeria irracional que hostiliza e castiga, co recurso á invocación da Constitución española, a quen ouse sentirse, afirmar ou aspirar a que a súa condición nacional, non española, e os dereitos da súa nación, do seu pobo, como diferente de España e do español, sexan recoñecidos e practicados.
Poño limiar á nova edición deste libro, de autoría conxunta de Ramón López-Suevos e miña, baixo a miña exclusiva responsabilidade, porén co seu permiso e anuencia. Após corenta e catro anos, a ambos segue a nos unir amizade e a intención de este noso traballo común poder servir á idea de Galiza ser unha nación, con dereito a unha existencia digna como pobo, con capacidade para desenvolverse conforme ás súas necesidades e intereses. Nunha palabra, libre
___
Editorial: TEMPO GALIZA 09-2022Idioma: Galego