Neste volume realízase un percurso pola historia da lingua galega, con rigor mais tamén con paixón, pois o autor non evita implicarse na valorización dos feitos, consciente da importancia fundamental do idioma na preservación da identidade cultural e política da Galiza. A intención que subxace na obra é combater o descoñecemento, as falsificacións e os preconceptos que obstaculizan a plena normalización de usos do galego. Para iso vira necesaria unha ollada retrospectiva ás súas orixes e evolución ao longo do tempo, na procura daqueles episodios que permiten testar a súa total capacidade para ser vehículo normal de comunicación e panca imprescindíbel para o progreso espiritual e material do pobo que o creou e utilizou durante séculos, a convertelo tamén no principal símbolo de identificación colectiva. Como ben dixera Castelao, se as persoas galegas aínda somos diferentes e capaces de existirmos é por obra e graza da lingua propia que entre todas e todos construímos e que a todas e todos nos representa. As dúas palabras que sintetizan a súa historia son normalidade, para nos referirmos ao longo e brillante período medieval, e conflito, para caracterizar a etapa que vai desde finais do período medieval até aos primordios da actual centuria. Aínda permanece agora o galego nunha situación de conflito e necesita voltar á normalidade de que gozou nos 700 primeiros anos da súa existencia. Por iso ambas as palabras dan título a esta obra, que pretende contribuír para un mellor coñecemento do significado histórico e do valor presente dun idioma con proxección de futuro.
Idioma: Galego
____
Editorial: LaioventoIdioma: Galego