Ir a contenido
Gastos de envío para Galicia y España 4.45 €!
Gastos de envío 4.45€!

DE PROVINCIA A NACIÓN. HISTORIA DO GALEGUISMO POLÍTICO

€54,95
ISBN 9788497826402

De Provincia a nación. Historia do galeguismo político é unha investigación sistemática da natureza e evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade.  

3ª Edición - Premio Irmandade do Libro. Mellor obra editorial do ano 2008 - Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega (Ensaio), 2007 - Premio da Crítica Galicia (Investigación), 2008 - Premio Losada Diéguez (Investigación), 2008 - Premio Nacional de Ensaio, 2008 De Provincia a nación. Historia do galeguismo político é unha investigación sistemática da natureza e evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade. O tratamento do provincialismo, do rexurdimento e do rexionalismo do século XIX, e máis aínda do nacionalismo galego do século XX, faise cunha profundidade sen precedentes. Para a análise acaída das diferentes dimensións –a ideolóxica, a social, a organizativa, a electoral– e das súas interrelacións, o autor incorpora conceptos e modelos analíticos propios que implican unha notable innovación metodolóxica no eido do estudo do nacionalismo. As maiores novidades neste sentido son a reconstrución das estruturas das ideoloxías, a caracterización das bases sociais e a técnica aplicada para desvelar e cuantificar a fraude electoral na Segunda República. Ademais, en paralelo coa historia central, vai trazando a da cuestión nacional en España, o que permite ter en conta a incidencia de factores extragalegos e comparar o galeguismo político cos seus análogos doutros territorios do Estado español. Isto unido á consideración da natureza e dos problemas maiores da sociedade galega de cada época, dá as claves para unha explicación convincente das causas do nacemento, persistencia, posibilidades e limitacións do nacionalismo galego. Xa que logo, este libro é unha contribución decisiva para coñecer e entender, por que Galicia ten hoxe unha personalidade política irreversiblemente diferenciada.

Justo Beramendi González, tamén chamado Xusto Beramendi, nado en Madrid o 16 de xullo de 1941 e finado en Santiago de Compostela o 3 de xullo de 2024, foi un historiador e escritor galego, presidente do padroado do Museo do Pobo Galego.
Realizou estudos de Enxeñaría Industrial en Madrid (1959-1967), de tradución en Barcelona (1969-1974) e de doutoramento en Historia na Universidade de Santiago de Compostela (1987), da que foi catedrático emérito de Historia Contemporánea e da que foi vicerreitor entre 1990 e 1994. Xubilouse no ano 2012.
Foi cofundador do Museo do Pobo Galego e presidente da súa xunta reitora. Foi membro fundador da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco. Participou na creación das revistas Negaciones (Madrid, 1977), A Trabe de Ouro (Santiago, 1990) e Tempos Novos (Santiago, 1997).
Especializado na historia das ideoloxías e dos nacionalismos, foi editor das obras de Losada Diéguez, Ramón Villar Ponte, Peña Novo, Castelao e Vicente Risco. Organizou e coeditou as actas dos congresos Nacionalismos y regionalismos en la España de la Restauración (1983), Castelao (1986), Los nacionalismos en la España de la Segunda República (1988), Nationalisms in Europe. Past and Present (1993) e Memoria e Indentidade (2004).
Foi investigador principal do grupo de investigación sobre “Dinámicas sociopolíticas en la Galicia urbana”, dirixindo no seu marco un total de oito teses doutorais. Asimesmo organizou e coeditou as actas dos seguintes Congresos: Nacionalismos y regionalismos en la España de la Restauración (Santiago, 1983/Madrid, 1984), Castelao (Santiago, 1986/ Santiago 1990), Los nacionalismos en la España de la Segunda República (Mariñán, 1988/Madrid, 1991) e Nationalism in Europe. Past and Present (Santiago, 1993/Santiago 1994).
Era membro da ASEN (Association for the Study of Ethnicity and Nationalism) e da Xunta Directiva da Asociación de Historia Contemporánea.

No ano 2017 recibiu a Medalla Castelao.

____

Editorial: Xerais 03-2021
Idioma: Galego
Páxinas: 1248
HISTORIA DE GALICIA
NACIONALISMO