«Vale, a historia per se non é nada novo. Un tío pilla unha nena. A nena non quere. Aínda así, o tío píllaa, porque pode. Igual tamén porque ten que facelo para ser un tío, ou? Todo o mundo o sabe. Fin. Pois iso, esta é a historia». Nos anos oitenta, nunha vila da Suíza alemá, unha rapaza é violada e, apremada polos pais, casa co violador. O delito queda tapado baixo un manto de silencio. Décadas máis tarde, a muller descobre que o seu amante foi unha testemuña pasiva da violación.
As cousas polo nome publicouse por primeira vez en 2022. A novela retrata a vida, non precisamente feliz, no ambiente denso dunha pequena localidade, con todos os matices e os dixomedíxomes que pesan sobre os segredos varridos debaixo da alfombra. A vila é un biótopo onde impera a xenofobia, onde todo xira «en círculo, sempre en círculo», e onde nada perturba a orde patriarcal.
As cousas polo nome tivo unha excelente acollida, até o punto de que estivo durante meses na listaxe dos mellores libros que elabora a radiotelevisión pública suíza SRF. A crítica loa sobre todo a capacidade da autora de construír e narrar historias entrelazadas que poderían lerse como relatos independentes que iluminan desde diferentes perspectivas unha violación silenciada durante décadas.
____
Editorial: Laiovento 11-2025
Idioma: Galego
Páxinas: 181
NARRATIVA